Mostrando entradas con la etiqueta Crónicas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Crónicas. Mostrar todas las entradas

lunes, 12 de marzo de 2007

Outro espello roto

Seguimos con Baudrillard, ou con parte da súa herdanza. No país dos simulacros, o enquisador é o rei (ou polo menos un importante señor feudal). De 300.000 persoas a 2.500.000. A Oxalá a miña próxima revisión salarial dependesen da COPE ou da Comunidade de Madrid!

Ata onde eu sei, nin a Teoría da Relatividade nin as incertas leis da Mecánica Cuántica se aplican o reconto das manifestacións. A realidade é máis simple, ó igual que no País de Oz, a realidade simúlase con lentes de cristais coloreados e con espellos rotos. Para o goberno e os seus apoios satélites, para a oposición, para os medios de incomunicación... o número de manifestantes real do pasado sábado resulta completamente indiferente (me es inverosímil, que diría un amigo meu): esas cifras xa forman parte da maquinaria da Política Ficción.

Cando a voz da cidadanía e o debate das ideas son sustituidos por guerras de bandeiras e de cifras e combates de gritos irracionais, a política fracasa para deixar paso a propaganda máis esteril. Só nos queda a victoria do simulacro, capaz de agochar baixo a alfombra as certezas máis extremas e dolorosas. Alí é onde queda a dor provocada pola barbarie de ETA ou do 11-M, alí queda a fenda provocada pola guerra de Iraq, alí quedan as víctimas do Líbano e a guerra de Haití, alí África e Lavapiés, os inmigrantes explotados e os obreiros enviados a puta calle por obra e gracia de regularización masivas... Todos estes gritos de dor silenciado pola maquinaria do ruido e do engano.

E nós, coma bobos, seguíndolle o xogo ós políticos e a toda a fauna que se fai rica por cebar ó bicho da crispación.

A estas alturas, deberían saber que o simulacro da realidade pode producir tantos monstros máis feroces que a razón mesma. Así que deixemos de xogar dunha vez coas cousas de comer.



lunes, 5 de marzo de 2007

Libre outra vez, cortesía de Blogger

Como algúns de vos xa sabedes, o silencio que invadíu Crónicas de Oz nos últimos días non se debeu a un ataque de apatía, senón que é responsabilidade única da xente de blogger que nos tivo recluidos nunha celda acusados de facer spam.



Segundo parece, os robots de google pasaron por aquí e consideraron que o contido era de tan baixa calidade que só podía ser obra dun posteador basura que buscaba vender algún producto de segunda categoría como alongadores de penes. Vexan se non a excusa que me puxeron para impedir a publicación de entradas:

"Los robots de Blogger que previenen la publicación de blogs no deseados han detectado que su blog presenta características de blog no deseado. Los blogs que se comportan de este modo se denominan blogs spam y se pueden reconocer por su texto irrelevante, repetitivo o sin sentido."



Elianinha, coa vea sensacionalista que a caracteriza cada vez que ve o Tomate non tardou en clamar ó ceo ¡Censura, censura!, lembrando un episodio vivido nunha conferencia do director de marketing de Google España na que lle preguntamos pola súa baixada de pantalóns en China. O pobre directivo, que non vía moito máis alá do adSense, só foi quen de balbucear un nada convinvente, "bueno, yo creo que los chinos están mejor con Google que sin Google...".

E aínda que Elianinha esaxerou un chisquiño, a "detención" durou case 3 días, tempo que empregou Blogger en verificar que as probas aportadas polos seus robots non soportarían a burrocracia dun xulgado español. Despois dese tempo devolveron a custodia do blog sen dicirme cal dos tres requisitos incumpría para ser un blog spam (¿non ten contido irrelevante? ¿Non é repetitivo? ¿Ten algún sentido algo do que falamos aquí?).

En todo caso, a nota de desculpa enviada polo autodenominaao blogger team non vai poder evitar o inevitable. Non hai traza de síndrome de Estocolmo, así que está decidido: vou migrar a Wordpress. Xa o estivera sopesando seriamente antes de abrir Crónicas de Oz pero no seu momento pesou máis a ausencia de hosting propio e o sentimentalismo vinculado ó meu primeiro blog (tamén aloxado nos servidores de blogger). En todo caso, a decisión está tomada, e é mellor facelo agora que só hai que facer a mudanza de centenar e pico de entradas. Nas vindeiras semanas poñereime a iso, xa vos irei avisando e pedindo axuda ;)

PostMortem: Por certo, graciñas a todos aqueles que me expresastes a vosa solidaridade e ós chuzastes no adsense de Elianinha (que me prometera a metade da recadación mentres durase o secuestro por se necesitaba contratar un avogado). Que saibades que hoxe son 0'10€ máis rico gracias a vós. Snif, que emoción!

lunes, 26 de febrero de 2007

Viaxe ó límite do Universo Coñecido

- ¿Oes, viches o capítulo de Futurama no que Fry chega ó límite do Universo e descubre que realmente non hai infinitos mundos paralelos, senón unicamente 2: o noso e outro onde a xente vai vestida de cowboys?

- Pois non, pero estaría ben facer unha película na que alguén chegase ata o límite do seu Universo para ver que hai realmente.

- Home, xa fixeron unha, "O show de Truman"


E nesas estabamos cando vimos que se non podía facer unha película decente sobre o tema sen documentarse con xeito. Así que cando nos demos conta, xa colleramos a saída á autopista cara ó límite ó Universo Coñecido. Como ben sabes, o camiño é bastante longo e tedioso, sobre todo se optas pola Autopista do Atlántico, así que tivemos tempo para divagar sobre a cuestión...

- Eu creo que ó final de todo, ten que haber unha porta xiratoria. Iso provocaría a impresión de viaxar por múltiples dimensións paralelas, os "deja-vu", as pantasmas, o sexyo sentido, as psicofonías... Todo serían ilusións de camiños diferentes, de saidas diferentes, pero realmente, non son máis que falsas impresións de movemento que se solapan no espacio...

- Ah, diso falaba un teórico da teoría das supercordas

- ¿O que oh?

Posto que o meu compañeiro non estaba familiarizado coa teoría das supercordas, explicarlla amenizou gran parte do viaxe, especialmente se temos en conta que eu tampouco estou familiarizado con ela.

Tras moito cavilar, chegamos ó convencemento de que aquela travesía só tiña 2 conclusións posibles:

1) Inexorablemente, atoparíamos algo que nos impediría seguir adiante.

2) Vagaríamos eternamente posto que non existe ningún límite nin fin deste Universo Coñecido. Claro que isto era unha hipótese estúpida. Se non existise tal límite, tampouco existiría a nosa viaxe ata ese límite, e se algo había de certo en todo aquilo, era que estabamos viaxando.

Así que unha vez que nos autoconvencemos de que a nosa viaxe non sería en van (e non sabes o a ledicia que nos invadíu nese momento) puxémonos a pensar que clase de obstáculo insalvable nos impediría seguir adiante.

Tendo en conta as múltiples imperfeccións deste Universo, seguramente teremos detrás de toda esta desfeita a man dalgún político ou burócrata. E de todos é sabido que non hai cousa máis apreciada polos burócratas e polos políticos que as sinais de advertencia e perigo. Por exemplo, "¡Coidado, fumar provoca fume!" ou "¡Ollo, España desvertábrese!". Así que convimos que non sería de estrañar atopar algo do estilo...



- Oes, ¿e se non somos máis que peóns, pezas que forman parte dun xogo no que nós non pintamos nada? ¿Se o libre albedrío non fose máis que unha ilusión mentres o azar nos arrastra polos designios duns dados cósmicos?

- Home, todo pode ser. Pero se é así, ¿ti que cres que atoparemos ó final?

- Quen sabe, quizais algo así...




Quizais por deformación profesional, quizais porque internet nos chuchou os miolos, quizais porque comezaba a faltar osíxeno na cabina, tamén demos en pensar que o Demiurgo Universal podería ser un pouco friki así que ó mellor atoparíamos algo do tipo


"GOOGLE UNIVERS, EN BETA DENDE O BIG-BANG"

ou

"NON TEN SUFICIENTES PRIVILEXIOS PARA IR MÁIS ALÁ.
CONSULTE CO SEU ADMINISTRADOR DE SISTEMAS"


ou

"GAME OVER. INSERT COIN TO CONTINUE"


Isto último sería realmente problemático, porque botando contas, o pouco que nos quedaba solto teríamos que invertilo en combustible para volver, e no Espacio Exterior non aceptan nin Visa, nin Mastercard (e ningún dos dous levaba a tarxeta de El Corte Inglés).

Pero o que de ningún modo podíamos agardar, era que tras cruzar medio Universo Coñecido, a única resposta que atoparíamos sería...



Acojonante...


lunes, 19 de febrero de 2007

O espello roto: Ciencia e Fe

Non hai moito, despois de ver no cine El Truco final, tiven longas charlas (algunhas comigo mesmo) sobre a Ciencia e a Fe. A raíz dun momento controvertido da película no que a Ciencia Ficción fai a súa aparición, cheguei máis ou menos a conclusión de que as diferencias entre Ciencia e Fe dependen do lado do escenario no que te atopes.

Se estás do lado do mago, se comprendes as claves internas do truco, todo se convirte en ciencia pura, escenificada cunhas gotiñas de espectáculo para impresionar ó persoal. Iso si, coida que non se che vaia a man, ou a mezcla pode resultar fatal. Pensa nos irmáns Lumière e a proxección de "Chegada do tren".

Se estás comodamente sentado na butaca desfrutando da función, podes entregarte por completo ó show preparado polo ilusionista. Se o teu cerebro tenta ir máis alá, e lle da voltas buscando explicación, estás perdido. Podes ter mala sorte e intuír a solución. Podes ter moi mala sorte e atopala. Nese caso, o sabor da victoria agriarase coa amargura da desilusión, ese ácido que corroe os soños infantís de ratos coleccionistas de dentes, repartidores de xoguetes disfrazados de borbóns ou canicas de cristal que che levan voando ó país de Nunca Xamais. Non te equivoques, destripar un truco de maxia é das peores cousas que che poden pasar, case tan malo como perder un libro que non remataches ou que che regalen o teu primeiro reloxo antes de tempo.

Se o teu cerebro segue cego e xordo ante as evidencias, podes rendirte definitivamente. "Vale, é maxia de verdade, non hai por que darlle máis voltas. O que acabo de ver é real, o pano metamorfoseouse en coello e a rapaza partíuse pola metade". Xa es un crente entregado a Fe. De aí a pensar que os dinosaurios apareceron de repente un martes á mañá, tres días antes de Adán e Eva, hai un paso.

É posible que non sexa tan fácil, especialmente se tiveches unha educación positivista ou as revistas de ocultismo chegaron a unha etapa excesivamente tardía da túa adolescencia. Para ti existe esa saída chamada ateísmo.

Haino de varios tipos. O ateo auténtico, cando non entendes nada pero estás absolutamente convencido de que un coidadoso engranaxe agochado sobre o telón negro de fondo desvía a túa atención o tempo suficiente para que a rapariga escape por unha trampilla deixando que outras dúas mulleres máis pequenas se metan na caixa despois de rodeala sixilosamente para meter brazos e pernas polos buratos que lles corresponde ó tempo que o ilusionista introduce a serra, fai o correspondente movemento vertical-horizontal, deixa pasmada á audiencia correspondente, conta ata 7 e medio e repite o proceso á inversa para que outra rapaza xemelga da primeira se meta na caixa despois de descender por unha tubería camuflada dende o alto do tellado e apareza sá e salva ante o abrumado público que expira un Oooohhh de satisfacción. Se sofres deste tipo de ateísmo é probable que acabes sendo infeliz ou incluso notario.

Claro que hai outra clase moito aínda máis perigosa, a dos ateos non practicantes, capaces de darlle a volta á tortilla según lles conveña. Serán capaces de convencerche de que a Santa Compaña é un invento de Fenosa; iso si, confían cegamente en que as claves de toda a creación están na Teoría de cordas, a pesar de que un neutrino lles poida resultar tan verosímil como o Espíritu Santo disfrazado de paloma repartindo cursos de idiomas en Pentecostés.

¿E toda esta parrafada a que vén? Pois a este gráfico de Boing Boing que expón as diferencias entre o método científico e a fe relixiosa á hora de validar unha idea. Estou de acordo en case todo, pero sen esquecer que a fin de contas, a Verdade non é máis que un espello roto...



PostMortem: Antes de que algún amijiño me acribille nos comentarios: Sigo sendo ateo non practicante e a Tª de Cordas tenme realmente entusiasmado ;)

miércoles, 14 de febrero de 2007

De regalo co xornal, unha táboa periódica

Supoño que a moitos de vós pasa algo similar. Cando comezou o asunto dos "peones negros" e a teoría da conspiración do 11-M impulsada por Luis del Pino, e alentada por El Mundo, a Cope, Libertad Digital... tentei seguila. Nunca me convencíu, pero home, si recoñezo que despertou a miña curiosidade.

Non sei en que momento pasou, seguramente foi despois do da cinta da orquesta Mondragón, pero o asunto empezou a aburrirme. En linguaxe televisiva, o serial saltara xa o tiburón, e convencinme que, igual que no caso dos Simpsons, por moitas tempadas que fagan, nunca volverei a desfrutar tanto como cos primeiros capítulos.

Pero os guionistas da serie seguiron no seu empeño, ata o punto de que agora hai que desempolvar o quimicefa e a táboa periódica para descifrar o xornal. Algo chungo lle pasa ó xornalismo se durante o xuizo polo maior atentado terrorista do país, os grandes titulares son estos:

ABC: La matanza de Madrid se perpetró sólo con Goma 2 robada de "Mina Conchita"

El Pais: Los peritos del 11-M no hallan sustancias ajenas a la Goma 2 ECO en el lugar del atentado.

El Mundo: Los peritos descubren un componente ajena a la Goma 2 Eco en los focos del atentado.

La Razón: Los peritos detectan en los explosivos del 11-M una sustancia presente en varios tipos de dinamita.

As: Samuel Eto'o dinamita al Barça (e nun blog: Samuel enciende la mecha)

De todo isto, salvo o último (que xa analizaremos outro día xD), podemos concluir:

1) "Lugar do atentado" non debe ser o mesmo que "focos do atentado". Ou iso, ou El Mundo ou EL Pais (ou os dous) minten, manipulan ou meten a gamba.

2) Os explosivos do 11-M tiñan unha sustancia presente en varios tipos de dinamita. Sinceramente, isto é unha revelación grandiosa que xamais se me tería ocurrido.

3) Non sei onde queda "Mina Conchita", pero non penso pasar alí as miñas vacacións.

4) Os medios están tan preocupados por non caer da burra que foron fustigando e emborrachando nestes meses que xa nin se enteran do que din.
Para o final deixo o meu preferido. A captura da primeira noticia que Libertad Digital tivo colgada varias horas dende onte á tarde:



Titular: El nuevo análisis de los restos excluye la presencia de Goma 2 ECO en los trenes del 11-M

Subtítulo: Ahora también hay DNT en la Kangoo, la mochila, Leganés...

Corpo: Los peritos que han analizado los escasos restos de los focos de explosión del 11-M han llegado a la conclusión de que todas las muestras contienen dinitrotolueno (DNT). Esta sustancia está presente en muchos tipos de explosivos como la dinamita Titadyn o la Goma 2 EC. Sin embargo no está presente en la Goma 2 ECO que, precisamente es una evolución de la anterior a la que se le eliminó el dinitrotolueno por ser altamente tóxico. La novedad ahora es que también se ha encontrado esta sustancia en las pruebas ajenas a los focos de explosión. Nunca antes se habló de su presencia en ellas. Hay otras novedades relacionadas con una muestra patrón que ya no tiene metenamina.
...
...
...

Ríndome. Pido comodín do público...

Sinceramente, entendo mellor as bases da mecánica cuántica e da teoría de supercordas que todo isto...


PostMortem: O peor de todo isto, xa veredes, será que calquera día destos sobresaltarémonos coa noticia do mozo de 15 anos que fixo saltar polos aires o seu colexio. Cando confese dirá, "¿os planos para facer a bomba? Saqueinos do xornal..."

lunes, 12 de febrero de 2007

Cen

jueves, 8 de febrero de 2007

A serpe pitón

Esta é unha desas historias que me costa non meter no caixón das lendas urbanoides, por moito quen que mo conte sexa de fiar. Non a nombrarei antes de sometala ó polígrafo, así que de momento déixovos co relato máis ou menos completo.

"Un coñecido meu tiña como mascota unha serpe pitón. Era destas que che regalan pequeniña e que medra moitísimo ó longo dos anos. Era enorme, destas gordas. El levaba toda a vida con ela, así que non só a collía sen medo, senón que se lle enroscaba na perna subíndolle polo corpo e incluso durmía na súa cama.

Un día, esperta e ve que a pitón está ó seu lado, completamente estirada, tesa. De primeiras levouse un bo acojone, pero parecía que non lle pasaba nada e todo volveu á normalidade. Outro día, a pitón volveu aparecer igual, como un pao, deitada ó seu carón. E así outro e outro día. Finalmente, levouna ó veterinario a ver se estaba enferma. Tras contarlle a historia, o médico contestalle todo serio,

- Ben, vai sendo hora logo de sacrificala.
- ¿Que? ¿Pero por que?
- Pois porque che está medindo a ver se che pode comer."

martes, 6 de febrero de 2007

Xente de palabra

Os que seguistes os comentarios dunha entrada anterior saberedes que a xente do Galpón de Breogán quedara de conseguirme unha foto autografada da nosa venus Anne Marie Rivers. Pois ben, tardaron poucas horas en demostrarme que son xente de palabra.

Déixovos aquí un fragmento. O resto podedes velo clicando nel.


Gracias Galponeiros, xa teño póster que alumbre as miñas noites de morriña en alta mar ;)

lunes, 29 de enero de 2007

Imaxinando a décima dimensión

¿Lembras cando a Homer lle dan venadas e se obsesiona durante semanas con algo e non hai quen lle saque a teima? Por exemplo, cando quere emular a Edison ou se pecha durante días para facer unha maqueta da central nuclear. Pois eu son igual.

Cada certo tempo, cae algunha web ou algún libro entre as miñas mans que me introduce nun tema e non hai quen mo saque da cabeza durante unha boa tempada. Ó cabo dunhas semanas, desaparece sen previo aviso ata pasados varios meses ou incluso anos. Cando me da, os meus pobres amigos, tan sufridiños eles, suspiran a fondo e soltan un "xa estamos outra vez".

Agora levo dende decembro coa Teoría de Cordas, a velocidade da luz ou as múltiples dimensións do universo. Temas que me atraen dende hai moito tempo -a nivel divulgativo/filosófico, vamos, de espectador de Redes- pero nos que sempre me acabo perdendo. Seguramente coa intención de que se me pase pronto, recibín como regalo de Reis "O universo elegante", libro de Brian Green que me ten completamente enganchado.

O que máis me gusta é a necesidade de romper barreiras mentais, de ter que entrar no xogo do "dende pequeno aprendiches como mirar, como pensar, como comprender... Esquéceo, non serve. Vamos aprender xuntos outra forma de facelo". Unha mostra: as dimensións. ¿Serás quen de imaxinar máis alá da terceira dimensión ata chegar á décima? (vídeo en inglés)



Xa sei que é chungo. Eu pérdome nalgún lugar entre a 5ª e a 6ª e non é cousa do inglés. En Malaciencia tentan facer unha aproximación textual. Por certo, a animación é a traducción gráfica do prólogo de "Imagining the thenth dimension", de Rob Bryanton.

jueves, 25 de enero de 2007

¿Por que bostezamos?

Supoño que todos temos preguntas recurrentes sobre as que volvemos cada certo tempo. O eterno retorno, que diría Nietzsche. Unha das miñas favoritas é ¿por que bostezamos?

As respostas que recibín foron variadas ó longo dos anos, dende o "porque estamos cansos" co que miña nai de pequeno me despachaba para a cama anos ata o "porque el cerebro detecta una falta de oxígeno en el organismo" do meu fugaz paso pola facultade de Psicoloxía. Ata agora, ningunha delas me convenceu, tampouco a explicación da wikipedia, así que eu sigo acumulando curiosidades sobre o bostezo.

Hoxe mesmo atopei este texto nunha vella entrada de microsiervos:
"¿Has pensado alguna vez acerca del hecho de bostezar, por ejemplo? Bostezar es un acto sorprendentemente poderoso. Sólo porque hayáis leído la palabra «bostezar» en las dos frases anteriores -y los dos «bostezos» adicionales en esta frase- buena parte de vosotros probablemente bostezará en los próximos minutos. Yo mismo he bostezado dos veces mientras escribía esto. Si estás leyendo esto en un lugar público y acabas de bostezar, lo más probable es que una buena parte de aquellos que te hayan visto bostezar esté también bostezando ahora, y que una buena parte de las personas que vean a la gente que te vio bostezar a ti estén también bostezando, y así sucesivamente, en un círculo de bostezos cada vez más amplio.

Bostezar es increíblemente contagioso. He hecho que algunos de vosotros bostezarais simplemente escribiendo la palabra «bostezar»."

¿Que? ¿Ti tamén caíches? Veña, non me mintas ;)

martes, 16 de enero de 2007

David KB


Este rapaz con tres pares de bolsas debaixo dos ollos e cara de mala ostia é un compañeiro de traballo, e aínda así levámonos ben. Chámase David Cabezón e recomendaríache que lle botaras un vistazo ó seu rincón en flickr, a ver que che parece.

No post anterior xa podedes ver outra foto súa, tomada este domingo durante unha excursión que fixemos por Camariñas e Camelle. Non é fotógrafo profesional, non che falo del porque sexan as mellores que vin na miña vida ou porque teña unha técnica depuradísima pero é que poucas veces vin a alguén desfrutando tanto facendo unha foto e tomándose tantas molestias. E sinceramente, creo que se nota no resultado, a ver que opinas ti. Esa ollada de neno pequeno, capaz de mirar as cousas doutro modo, cunha sensibilidade especial, é cada vez máis difícil de atopar, ¿non cres?

Por certo, non poño este enlace por colegueo ou porque el mo pedise. De feito, estou seguro de que se vai ruborizar. Espero que non se me amole moito, e posto que temos un par de proxectos entre mans, seguro que volvo a falar del por aquí moi pronto.



Enlace: David Cabezón en Flickr

Man

Vin a Man catro veces.

A primeira non foi en Camelle, senón en París. Aquela noite meus pais deixáronme ir tarde para cama porque a TF1, a televisión pública francesa, botaba un longo documental sobre a Costa da Morte, aquela terra da que fuxiran anos antes buscando no mapa o futuro dos seus fillos. Aquel home que aparecía na televisión fixera o camiño contrario, encontrando na Costa o seu camiño a casa, abrazando durante décadas ese Mar ingrato e cruel con tantas e tantas vidas.

Meses despois, durante o primeiro verán que pasamos xa instalados definitivamente en Galicia, fixen con meus pais a primeira visita ó Museo do Alemán. Aquel xardín do mar era fascinante pero era inevitable sentirse incómodos nel: non pertencíamos xa a ese mundo. Eu tiña as raíces naquela costa, meus pais naceron a poucos kilómetros, a media hora escasa en coche, e durante xeracións ninguén na miña familia fora capaz de romper as amarras para alonxarse do peirao.

Pero nós, xa non entendíamos o Mar, o noso sentido para escoitalo, abrazalo ou comprender o seu círculo de Vida e Morte quedara atrofiado hai tempo, cando a Costa da Morte comezou a medirse en horas de coche ou en metros cadrados de superficie urbanizable. Cando deixou de ser a nosa casa para convertirse nunha simple atracción turística.

Esta fin de semana volvín cuns amigos a Camelle e Camariñas, dez anos despois da miña última visita. Praias infestadas de formigón, camiños exterminados polas innundacións, ramas mortas baixo as cinzas. E o Museo do Alemán, aquel vórtice onde o home podía abrazar o Mar, non é agora máis que o xardín descoidado dunha enorme casa abandonada. Catro anos despois, as bágoas de fuel de Manfred quedan alí gravadas como o epitafio do mar.

A morte de Manfred foi a morte da Costa.

Entrada ó Museo do Alemán. Foto de David Cabezón


lunes, 15 de enero de 2007

Un gran poder conleva...

Despois de varios días rulando pola redacción, non me resistín a facer eu tamén o test para saber que superheroe podería ser. E segundo os benditiños que idearon o cuestionario, teño unha probabilidade do 100% (supera iso, anda) de parecerme a Spiderman. Só espero que sexa o Spidey dos comics e non o das películas de Sam Raimi, porque hai que ver que sosiño lle saeu o Tobey Maguire.

O que me choca é o do70% de semellanza con Catwoman. Home, Deus lles garde a vistiña a todos, pero eu teño de parecido con ela o que Halle Berry cun ornitorinco...

martes, 9 de enero de 2007

Lentes de diferentes cores

En Oz, ó igual que en toda nación/nazón que se (de)precie, á Realidade gústalle debuxarse segundo a cor dos lentes usados.

Se un día vés un señor cun sorriso preocupado dándolle a man a un señor barbudo que nin se (des)preocupa en sorrir, podes sacar moitas conclusións diferentes.

Por exemplo, podes pensar que
"Zapatero ofrece diálogo a Rajoy para conseguir la unidad frente al terrorismo".

Ou que
"El gobierno pide al PP diálogo y Rajoy insiste en la recuperación del Pacto Antiterrorista"

e incluso que
"Zapatero amenaza a Rajoy con responsabilizarle de los fracasos en materia antiterrorista si no apoya su plan para ETA"
Tamén podes pechar os ollos ou probar a quitar os lentes, pero din que a Realidade é tan deslumbrante que ninguén é capaz de describila despois.

Quizais sexa porque despois de ver certas cousas, a resposta máis sabia é o silencio.

lunes, 1 de enero de 2007

Feliz ano

Veredes como entre todos, conseguimos que este sexa un bo ano.

Felicidades a todos.

martes, 26 de diciembre de 2006

Benvidos ó deserto do real

O pasado domingo cometín o erro de adentrarme no Corte Inglés, algo que nestas datas é como plantarse ante á árbore da ciencia pero en plan consumista. Durante unha hora fun capaz de soportar as sutilezas subliminais que che lanzan dende cada esquina, pero foi ó chegar ó rincón dos dvd's e derrumbarse. Conclusión: Cheguei a casa con 45€ menos e co pack "Ultimate Matrix" coa triloxía de Matrix, as 9 curtas de Animatrix e 35 horas de extras.


No seu momento, foi para min todo un acontecemento que trascendía o ámbito do cinematográfico, facendo obvias referencias a toda a subcultura cyberpunk que devoraba naquel momento (dende Alicia no País das marabillas e O mago de Oz ata Días estraños, Cultura y simulacro ou Ghost in the Shell).

Matrix evidencia como ningún outro producto comercial o preto que está a nosa época do Barroco. Se naquel momento a humanidade espertaba ante o pesadelo de que a existencia fose unha simple obra de teatro, no noso caso ben podería ser unha simple simulación electrónica, un simple videoxogo da Playstation8 ou 9. Así que máis vale que non se resetee. Insiste tamén na distopía recurrente desta época: ¿e se as máquinas coas que fomos levantando durante séculos a nosa torre de Babel se rebelasen contrá nós como nós fixemos contra Deus?

Visto con algo de perspectiva, Matrix foi a sublimación comercial que un montón de grupúsculos underground do mundo enteiro buscaba e necesitaba ó mesmo tempo que unha nova vía para o cine efectista e de acción. ¿Incoherencia? Non. Nela xúntase todo o mellor e o peor da cultura postmoderna: a angustia existencial da hiperrealide, o debate simulacro/simulación, a filosofía de consumo rápido, o milenarismo new age, o consumismo como sistema esclavizador da vontade, o videoclip comercial como medio e como fin cultural, o seguridade como pretexto de control...

Tags
que lle coloco eu, pero que calquera outro pode modificar. Aí está un dos seus grandes méritos e chaves do seu éxito: Matrix é un universo tan aberto que casi todo o mundo pode atopar o que necesita, dende sesudas cuestións filosóficas ata puro entretemento comercial.

Revisitadas Reloaded e Revolutions, decátome que fun bastante cruel no seu día. Sigo pensando que están moi por debaixo da primeira película da triloxía (especialmente os 45 minutos iniciais) pero tampouco son tan infames. Son continuacións bastante obvias, efectistas e pouco imaxinativas, pero teñen máis encanto que ningún outro derivado creado nestes anos á súa sombra. E por certo, por fin logrei entender de que demos fala o Arquitecto en Reloaded (vamos, iso creo).

De todas formas, para min o máis atractivo do universo Matrix segue sendo Animatrix, unha colección de nove curtas inspiradas na saga realizadas por directores e estudios do manga e da animación xaponesa. Pequenas obras de arte inspiradas na saga que nalgúns casos veñen incluso a completar a trama. A miña preferida é "O segundo renacemento", chea de imaxes alegóricas, que explica como a crueldade dos homes está realmente detrás da orixe do sistema Matrix.

"Al principio había seres humanos y durante un tiempo las cosas iban bien. Pero la Humanidad, o autodenominada Sociedad Civil pronto sucumbió víctima de la vanidad y la corrupción. Entonces el hombre creó a las máquinas a su imagen y semejanza.
Así, el hombre creó se convirtió en arquitecto de su propia destrucción. Pero durante un tiempo las cosas iban bien."
"Y el hombre dijo, hágase la luz. Y el hombre fue cegado por la luz, calor, magnetismo, gravedad y todas las energías del Universo."

Por certo, algúns extras do pack son realmente atractivos (só lle falta isto). 35 horas son moitas horas, así que aínda non os vin todos, pero de momento quédome cos comentarios de críticos de cine poñen a parir as películas e "As fontes de Matrix" onde científicos, filósofos e teólogos varios fan reflexións durante dúas horas que teñen máis que ver coa Postmodernidade que coa propia saga.


martes, 19 de diciembre de 2006

Distopía

A crítica da película "Fillos dos homes" en Capítulo 0 acaboume levando ata a entrada de "distopía" na wikipedia. É curta pero, contén unha frase que me parece xenial:


"Comunmente, a diferencia entre utopía e distopía
depende do punto de vista do autor da obra"


Engadiría que non só do autor, tamén dos seus actores, entre os cales sempre estamos nós. Na maioría das distopías "clásicas" da literatura e do cine, (1984, Farenheit, Blade Runner, Matrix...) empatizamos coa angustia do protagonista, perdido ante o derrumbe do seu mundo. Pero en todas elas, paréceme que hai un sentimento aínda máis poderoso: a súa soidade. Nesas obras, a distopía é relativa, un estado de tolemia propio de seres incapaces de apreciar as bondades do sistema no que vive. Só poden percibila os inadaptados, os marxinados pola utopía na que vive a maioría. Pouco importa se para conseguir a felicidade temos que pagar como prezo a cultura, a familia ou as artes. Pouco importa se toda a realidade se sustenta sobre mentiras e falsas apariencias: só hai que convertilas en dogmas de fe.

O último ser humán, o último cidadán, perdido, tira a moeda ó aire e elixe. Debe escoller entre a pastilla vermella e a pastilla azul. Podes pechar os ollos e entregarte á felicidade: Utopía. Podes rebelarte e loitar pola túa liberdade, por defender a túa diferencia? Benvido á distopía.

¿Non hai outro camiño posible? ¿Acaso a liña entre a fe e a mentira é a mesma que separa a cordura da esquizofrenia?


(Un consello de amigo. Non deixes de ver "Fillos dos homes").

Galicia Cortázar

Aviso: Vou colar vilmente unha autopromo. ¿Lembrades o ciclo “Outono Cortázar”? Organizouse en Compostela durante o mes de outubro e novembro para conmemorar a cesión do arquivo fotográfico e fílmico de Julio Cortázar a Galicia. A estrela foi a mostra “Ler Imaxes” unha exposición na que se exhibía boa parte deste importante legado.

Ben, pois hoxe preséntouse no Clube de Prensa de Santiago o especial web “Cortázar e Galicia”, realizada con motivo deste ciclo e que é o primeiro traballo dun pequeño equipo de xornalistas no que estou metido. A páxina vai tardar aínda uns días en estar colgada, pero xa vos avisarei para que nos tiroteedes a críticas! De momento, só quero aproveitar a ocasión para agradecerlle a Eliana, Marcos e Silvia (que así se chaman os tres delicuentes que traballan comigo) o seu esforzo e a súa paciencia á hora de aturarme.

Como adianto, déixovos algunhas imaxes da exposición virtual recreada en 3D e esta animación integrada na páxina. Está basada no relato “Cronopios e tartarugas” da xenial obra “Historias de Cronopios y de famas”. Pouco ten que ver co resto da web pero ¿a que quedou chusquiña?


lunes, 11 de diciembre de 2006

Benvida a todos (incluídome a min)

Pois aquí estamos de novo, caídos de cheo no mundo de Oz despois dun anterior paseíño polo País das marabillas. A primeira vista, non é que isto sexa moi diferente. Sinceramente, creo que estou no mesmo lugar (pero non llo digas ó meu xefe, que me paga a kilometraxe). O único que cambia -e isto fai que cambie todo- é a mirada. Ben é sabido que en Oz, todo cambia dependendo da cor dos teus lentes ¿non?

Aquí, xusto ós meus pés, parece comezar un camiño de baldosas amarelas. Realmente o camiño vén de máis atrás, e podería continuar perfectamente sen min, pero é demasiado tentador para non seguilo. Así que se queres, estaría encantado de que me acompañases algúns tramos.

¿Que necesidade hai de camiñar? Home, pois así en frío, ningunha. Non pretendas que che enuncie agora bós propósitos (mira o calendario, aínda faltan semanas para aninovo). Só imos andar un pouco, e se nos apetece, contar o que vexamos. ¿Apúntaste?

Pois iso, amigos, benvida a todos (incluíndome a min)