lunes, 26 de febrero de 2007

Viaxe ó límite do Universo Coñecido

- ¿Oes, viches o capítulo de Futurama no que Fry chega ó límite do Universo e descubre que realmente non hai infinitos mundos paralelos, senón unicamente 2: o noso e outro onde a xente vai vestida de cowboys?

- Pois non, pero estaría ben facer unha película na que alguén chegase ata o límite do seu Universo para ver que hai realmente.

- Home, xa fixeron unha, "O show de Truman"


E nesas estabamos cando vimos que se non podía facer unha película decente sobre o tema sen documentarse con xeito. Así que cando nos demos conta, xa colleramos a saída á autopista cara ó límite ó Universo Coñecido. Como ben sabes, o camiño é bastante longo e tedioso, sobre todo se optas pola Autopista do Atlántico, así que tivemos tempo para divagar sobre a cuestión...

- Eu creo que ó final de todo, ten que haber unha porta xiratoria. Iso provocaría a impresión de viaxar por múltiples dimensións paralelas, os "deja-vu", as pantasmas, o sexyo sentido, as psicofonías... Todo serían ilusións de camiños diferentes, de saidas diferentes, pero realmente, non son máis que falsas impresións de movemento que se solapan no espacio...

- Ah, diso falaba un teórico da teoría das supercordas

- ¿O que oh?

Posto que o meu compañeiro non estaba familiarizado coa teoría das supercordas, explicarlla amenizou gran parte do viaxe, especialmente se temos en conta que eu tampouco estou familiarizado con ela.

Tras moito cavilar, chegamos ó convencemento de que aquela travesía só tiña 2 conclusións posibles:

1) Inexorablemente, atoparíamos algo que nos impediría seguir adiante.

2) Vagaríamos eternamente posto que non existe ningún límite nin fin deste Universo Coñecido. Claro que isto era unha hipótese estúpida. Se non existise tal límite, tampouco existiría a nosa viaxe ata ese límite, e se algo había de certo en todo aquilo, era que estabamos viaxando.

Así que unha vez que nos autoconvencemos de que a nosa viaxe non sería en van (e non sabes o a ledicia que nos invadíu nese momento) puxémonos a pensar que clase de obstáculo insalvable nos impediría seguir adiante.

Tendo en conta as múltiples imperfeccións deste Universo, seguramente teremos detrás de toda esta desfeita a man dalgún político ou burócrata. E de todos é sabido que non hai cousa máis apreciada polos burócratas e polos políticos que as sinais de advertencia e perigo. Por exemplo, "¡Coidado, fumar provoca fume!" ou "¡Ollo, España desvertábrese!". Así que convimos que non sería de estrañar atopar algo do estilo...



- Oes, ¿e se non somos máis que peóns, pezas que forman parte dun xogo no que nós non pintamos nada? ¿Se o libre albedrío non fose máis que unha ilusión mentres o azar nos arrastra polos designios duns dados cósmicos?

- Home, todo pode ser. Pero se é así, ¿ti que cres que atoparemos ó final?

- Quen sabe, quizais algo así...




Quizais por deformación profesional, quizais porque internet nos chuchou os miolos, quizais porque comezaba a faltar osíxeno na cabina, tamén demos en pensar que o Demiurgo Universal podería ser un pouco friki así que ó mellor atoparíamos algo do tipo


"GOOGLE UNIVERS, EN BETA DENDE O BIG-BANG"

ou

"NON TEN SUFICIENTES PRIVILEXIOS PARA IR MÁIS ALÁ.
CONSULTE CO SEU ADMINISTRADOR DE SISTEMAS"


ou

"GAME OVER. INSERT COIN TO CONTINUE"


Isto último sería realmente problemático, porque botando contas, o pouco que nos quedaba solto teríamos que invertilo en combustible para volver, e no Espacio Exterior non aceptan nin Visa, nin Mastercard (e ningún dos dous levaba a tarxeta de El Corte Inglés).

Pero o que de ningún modo podíamos agardar, era que tras cruzar medio Universo Coñecido, a única resposta que atoparíamos sería...



Acojonante...


No hay comentarios: