Sospeito que isto será o gran tema mañán. En todo caso, poucas conclusións máis podemos sacar desta primeira proba de "Tengo una pregunta para usted". Seguramente o
outro gran titular (que no fondo, era case unha obviedade) sexan os "indicios de ilegalidade" que o Ministerio de Interior ve no novo partido rexistrado pola esquerda abertzale. Minucias, comparado co café do Congreso...
Este primeiro intento de TVE é positivo, como toda iniciativa que tente baixar ós políticos das súas alturas ficticias. Milá estivo á altura das circunstancias, dando tensión a un espectáculo moi necesario pero terriblemente antitelevesivo polo ritmo lento das respostas, redirixindo ós entrevistadores ocasionais que perdían o fío e endurecendo o debate en momentos puntuais nos que Zapatero comezaba a relamerse en exceso no seu propio talante.
Pero por moi instructivo que fose ver contras as cordas ó presidente do goberno contestando a
preguntas reais, de extrema importancia, a proposta déixame un regusto amargo, como de proba fallida. Supoño que o formato se repetirá sen variación cando Rajoy pase polo estudio dentro duns días, non vaia ser que se queixe de trato discriminatorio e plantexe un boicot contra o
moribundo Pirulí, pero en todo caso necesita un par de revisións.
En primeiro lugar, isto non é Francia. Chamame chauvinista, pero incluso Sarkozy despeinado , despois de durmir a sesta e con dous diazepam disoltos no colacao ten máis telexenia que calquera líder político español. Alí é completamente habitual ver programas similares, incluso máis
atrevidos. Hai dous anos, o día despois da primeira volta das eleccións rexionais e municipais, na ex-canle pública TF1, destacados políticos franceses -entre os que estaba Ségolène Royal- debatían sobre o resultado sentados no medio do público que tamén intervía en ocasións puntuais.
Por iso un erro importante é importar un formato estranxeiro sen considerar que os nosos políticos están tan encantados coa melodía da súa propia voz que nin se estenden durante minutos sobre evasivas e obviedades. 2 horas para 30 e pico respostas (das 100 previstas) que se me fixeron eternas
Durante moitos momentos, Zapatero naufraugou entre o oceáno de palabras que debían facerlle de salvavidas. Para a próxima vez, non estaría mal colocarlle un micrófono retráctil ós 59 segundos, ou mellor aínda, unha bocina. É máis, propoño dende aquí que tras ese tempo, os 100 entrevistadores espontáneos poidan facer un minireferendum e se o político de turno non resulta convincente, unha trampiña se abriría baixo os seus pés, como naquel concurso estreado por Telecinco hai algúns anos. E fin da pantomima.Un turmix entre o elegante asamblearismo ateniense e ese coliseo romano que sempre tivo o seu puntiño épico. Polo menos, a política resultaría máis divertida, ¿non cres?
PostMortem: ¿É cousa miña, ou Zapatero parécese cada día máis nos xestos a Felipe González? Xa sei que é recurrente dicilo dende o día que lle gañou por un pelo a Bono a Secretaría Xeral do PSOE, pero agora os seus brazos e mans son un calco. Iso si, no que habilidade retórica, as comparacións son odiosas...