Mostrando entradas con la etiqueta Deseño. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Deseño. Mostrar todas las entradas

miércoles, 20 de diciembre de 2006

Cortázar e Galicia

E rematando a sesión de autobombo comezada hai un par de días, anunciamos por fin que a criatura saiu da fase larvaria: o especial web "Cortázar en Galicia" xa está colgado na rede. Foi un parto doloroso, pero parece que o bicho sairá adiante ;)

Podedes acceder a través do banner colocado na web do CGAI ou na dirección www.cgai.org/juliocortazar. De momento pódese visualizar en galego e castelán pero nos próximos días engadiranse tamén as versións en francés e inglés.

A web realizouse con motivo do ciclo "Outono Cortázar"que reuniu en Santiago a expertos na obra do escritor arxentino e que tiña como estrela a exposición "Ler imaxes: o arquivo fotográfico e fílmico de Julio Cortázar". O especial multimedia nace como unha extensión desta expo, facendo unha recreación virtual en 3D dos dous espacios nos que estivo (Pazo de Fonseca e Igrexa da Universidade). Dende aí, é posible acceder a boa parte do material exposto. E digo boa parte, porque ó noso pesar, autores dos dereitos dalgunhas fotografías e vídeos non tiveron a ben cedelos para a mostra virtual. Por iso, aínda que se tentou respetar ó máximo a esencia da exposición orixinal, vímonos obrigados a facer algúns axustes para non deixar algunhas zonas completamente descompensadas respecto a outras.

A páxina tamén tenta expoñer brevemente dúas "patas" do vínculo de Cortázar con Galicia: as viaxes que fixo por aquí coa súa muller, Aurora Bernárdez, orixinaria de Maside (Ourense) e a súa relación con exiliados galegos como Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Rafael Dieste ou Lorenzo Varela. As outras seccións son Cronopioloxía, que fai un repaso gráfico ás datas fundamentais da súa vida, e Universo Cortázar, tres minúsculas "pílulas animadas" ambientadas na literatura cortazariana.

O traballo foi realizado integramente por catro xornalistas con coñecementos moi "caseiros" de flash e programación web. E iso nótase. Non se trata dunha deslumbrante experiencia interactiva chea de virguerías, senón que dadas as nosas limitacións técnicas, tentamos facer fincapé no contido.

Espero vos parezca polo menos digno, e que tras visita-la web, fagades unha mínima contribución económica para que os artistas poidan acudir no 2007 a cursos de animación flash, programación e perfeccionamento de deseño 3D ;)


martes, 19 de diciembre de 2006

Galicia Cortázar

Aviso: Vou colar vilmente unha autopromo. ¿Lembrades o ciclo “Outono Cortázar”? Organizouse en Compostela durante o mes de outubro e novembro para conmemorar a cesión do arquivo fotográfico e fílmico de Julio Cortázar a Galicia. A estrela foi a mostra “Ler Imaxes” unha exposición na que se exhibía boa parte deste importante legado.

Ben, pois hoxe preséntouse no Clube de Prensa de Santiago o especial web “Cortázar e Galicia”, realizada con motivo deste ciclo e que é o primeiro traballo dun pequeño equipo de xornalistas no que estou metido. A páxina vai tardar aínda uns días en estar colgada, pero xa vos avisarei para que nos tiroteedes a críticas! De momento, só quero aproveitar a ocasión para agradecerlle a Eliana, Marcos e Silvia (que así se chaman os tres delicuentes que traballan comigo) o seu esforzo e a súa paciencia á hora de aturarme.

Como adianto, déixovos algunhas imaxes da exposición virtual recreada en 3D e esta animación integrada na páxina. Está basada no relato “Cronopios e tartarugas” da xenial obra “Historias de Cronopios y de famas”. Pouco ten que ver co resto da web pero ¿a que quedou chusquiña?


viernes, 15 de diciembre de 2006

¿En que pensan as neuronas?

Gracias a Besbellinha descubro este novo patrón de beleza bastante máis sofisticado que o repugnante 90-60-90. Neste caso, trátase dunha actualización da "proporción áurea" que leva cautivando ós artistas dende a Idade Antiga. Estudiosos do Marquardt Beauty Analisys apoiáronse nela (hai explicacións das diversas etapas do making off na súa páxina) para construir unha "máscara de beleza facial". Xa sei que con ese nome podería ser perfectamente un producto de Nivea ou de Dove, pero non, trátase disto:



Podedes descargar a máscara e comparar a coincidencia cos vosos rasgos. cunha boa foto frontal que vos saquedes (Besbellinha explica moi ben os requisitos que debe ter). Fagamos unha proba para ver por onde van os tiros.

Collemos, totalmente ó azar, unha foto da primeira persoa anónima que vexamos entre as tropecentas mil que custodia Google. Por exemplo, mismamente... esta.

Aplicamos a máscara e...



... queda demostrado, por se había algunha dúbida, que toda a beleza da cara da rapariga anónima debémoslla ó bendito número áureo. Cantos disgustos se terían aforrado Brancaneves e o espello da madrastra cun invento semellante. Claro que hai que recoñecer a pouca utilidade da máscara para ó resto do corpo ou para iso que chaman beleza interior.

Como curiosidade non está mal, pero séguese botando en falta un estudio rigoroso que vincule a proporción áurea coa armonía visual dende un punto de vista cerebral. Ou sexa, demostrar que as neuronas, aparte de preferilas loiras e de ollos azuis, quérenas "áureas".