lunes, 29 de enero de 2007

Imaxinando a décima dimensión

¿Lembras cando a Homer lle dan venadas e se obsesiona durante semanas con algo e non hai quen lle saque a teima? Por exemplo, cando quere emular a Edison ou se pecha durante días para facer unha maqueta da central nuclear. Pois eu son igual.

Cada certo tempo, cae algunha web ou algún libro entre as miñas mans que me introduce nun tema e non hai quen mo saque da cabeza durante unha boa tempada. Ó cabo dunhas semanas, desaparece sen previo aviso ata pasados varios meses ou incluso anos. Cando me da, os meus pobres amigos, tan sufridiños eles, suspiran a fondo e soltan un "xa estamos outra vez".

Agora levo dende decembro coa Teoría de Cordas, a velocidade da luz ou as múltiples dimensións do universo. Temas que me atraen dende hai moito tempo -a nivel divulgativo/filosófico, vamos, de espectador de Redes- pero nos que sempre me acabo perdendo. Seguramente coa intención de que se me pase pronto, recibín como regalo de Reis "O universo elegante", libro de Brian Green que me ten completamente enganchado.

O que máis me gusta é a necesidade de romper barreiras mentais, de ter que entrar no xogo do "dende pequeno aprendiches como mirar, como pensar, como comprender... Esquéceo, non serve. Vamos aprender xuntos outra forma de facelo". Unha mostra: as dimensións. ¿Serás quen de imaxinar máis alá da terceira dimensión ata chegar á décima? (vídeo en inglés)



Xa sei que é chungo. Eu pérdome nalgún lugar entre a 5ª e a 6ª e non é cousa do inglés. En Malaciencia tentan facer unha aproximación textual. Por certo, a animación é a traducción gráfica do prólogo de "Imagining the thenth dimension", de Rob Bryanton.

No hay comentarios: