martes, 13 de marzo de 2007

Buzoneo friki

¿Cando foi a última vez que mandache unha carta en papel? Eu xa nin lembro, a verdade. No meu caso, e a pesar da falta de romanticismo que iso conleva, recoñezo que o e-mail sustituiu por completo ó sobre e ó selo.

Non sei que pasaría se Correos tomase medidas similares a US-POSTAL e fixera versións especiais dos buzóns como esta que lle regala a George Lucas polo 30º aniversario de Star Wars. Quizais me daría algo de vergonza que me viran dándolle de papear a R2D2 ou ó mellor faríame unha ilusión bárbara pasar ó lado de tal monumento ó frikismo. En todo caso, ¿non che parece monísimo?


E ti ¿a quen convertirías en buzón?

Vía: Neatorama

"Manda ti", acompañante da semana

Noraboa a Zero Vacas, que acaba de poñer en marcha "Manda ti", un portal de vídeos de denuncia local. Nesta páxina podes ver unha presentación e a filosofía do proxecto:
"As novas tecnoloxías, o abaratamento dos custes de gravación, a difusión de programas de edición caseiros e, sobre todo, as posibilidades de distribución que ofrece internet, son factores que fan que hoxendía calquera colectivo poida ter a súa propia televisión. Isto é, de por si, bo para a sociedade democrática, xa que permite a actores até agora marxinados integrarse ao proceso audiovisual.

Colle o móbil, a cámara de fotos, a cámara de vídeo, fai unha montaxe de fotografías… E denuncia o que marcha mal no teu concello, no teu barrio. Denuncia a especulación urbanística, os vertidos, a destrución da costa, o nepotismo, a corrupción, ou simplemente o deficiente asfaltado dun camiño. Porque eles gobernan, pero ti mandas. Por iso, manda o teu vídeo, manda ti: zerovacas@gmail.com"

Ánimo para Zero Vacas e para o proxecto, que xa facía falta algo así neste país de tolos (e de listos que se fan pasar por tolos).

lunes, 12 de marzo de 2007

Alicia no País das Marabilllas, 1903

Primeira versión cinematográfica coñecida de Alicia no País das marabillas. Simplemente deliciosa.



Vía: Capítulo 0

Outro espello roto

Seguimos con Baudrillard, ou con parte da súa herdanza. No país dos simulacros, o enquisador é o rei (ou polo menos un importante señor feudal). De 300.000 persoas a 2.500.000. A Oxalá a miña próxima revisión salarial dependesen da COPE ou da Comunidade de Madrid!

Ata onde eu sei, nin a Teoría da Relatividade nin as incertas leis da Mecánica Cuántica se aplican o reconto das manifestacións. A realidade é máis simple, ó igual que no País de Oz, a realidade simúlase con lentes de cristais coloreados e con espellos rotos. Para o goberno e os seus apoios satélites, para a oposición, para os medios de incomunicación... o número de manifestantes real do pasado sábado resulta completamente indiferente (me es inverosímil, que diría un amigo meu): esas cifras xa forman parte da maquinaria da Política Ficción.

Cando a voz da cidadanía e o debate das ideas son sustituidos por guerras de bandeiras e de cifras e combates de gritos irracionais, a política fracasa para deixar paso a propaganda máis esteril. Só nos queda a victoria do simulacro, capaz de agochar baixo a alfombra as certezas máis extremas e dolorosas. Alí é onde queda a dor provocada pola barbarie de ETA ou do 11-M, alí queda a fenda provocada pola guerra de Iraq, alí quedan as víctimas do Líbano e a guerra de Haití, alí África e Lavapiés, os inmigrantes explotados e os obreiros enviados a puta calle por obra e gracia de regularización masivas... Todos estes gritos de dor silenciado pola maquinaria do ruido e do engano.

E nós, coma bobos, seguíndolle o xogo ós políticos e a toda a fauna que se fai rica por cebar ó bicho da crispación.

A estas alturas, deberían saber que o simulacro da realidade pode producir tantos monstros máis feroces que a razón mesma. Así que deixemos de xogar dunha vez coas cousas de comer.



Baudrillard


Descúbresnos a falsedade deste mundo, e agora que che
comezabamos a dar a razón, déixasnos a escuras con ela.

¡Que cabrón!

Aínda así, gracias por todo. Sempre nos quedará a
hiperrealidade (ou non).


martes, 6 de marzo de 2007

Nostalxia en 8-bits

O meu bautizo no mundo das videoconsolas foi coa célebre NES, alá polo ano 89. Cando hoxe compras unha tés que invertir un ollo da cara para a máquina e o outro para os xogos e accesorios; coa miña NES en cambio, viñan dous mandos, dous xogos e unha pistola de infravermellos (adictiva, pero que non che servía de nada á hora de ó repelente can do Duck Hunt). Vamos, sacar da caixa, enchufar, sintonizar e listo.


Así que para lembrar os vellos tempos, un post nintendero. Esta páxina explora o que era para min unha verdade inadvertida ata este momento: SuperMario era en realidade un exercicio de propaganda soviética. A explicación apóiase sobre varias teses, tanto estéticas como do propio contido do xogo. Algunhas, omo o parecido entre Mario e Stalin, están un pouco collidas polo pelos (do bigote), pero pode pasar, cousas máis raras se teñen visto ;)

En todo caso, a alguén lle debeu parecer que a versión orixinal de Nintendo era moi pouco explícita, polo que preparou esta versión flash que recrea a Mario no mundo dos cogumelos asasinos cunha estética cercana á propaganda soviética.


O outro día, mentres vía un fragmento de Minority Report, non conseguín reprimir a risa cando Tom Cruise corre costa abaixo para que non se lle escapen os ollos polos sumidoiros. Se non viches a película, isto pode soarche raro, así que adianto algúns detalles (coidado: spoiler ata fin de párrafo!). No futuro de Minority Report, os 15 minutos de fama que todos ansiamos convértense nos 15 minutos de privacidade. Os escáneres de retina controlan cada paso que damos, así que os fuxitivos soméntense a operacións de cambios de ollos (literal) para burlalos. Tom Cruise ten que pasar por iso, pero debe conservar nunha bolsa os seus ollos orixinais por un motivo que debe ser moi trascendental pero que a nós non nos importa o máis mínimo. Nun momento da película cáenselle da bolsa e debe correr detrás deles. Se isto non che parece suficientemente ridículo, mira esta versión creada por un fan do Mario Kart, que pasa por ser un dos gifs animados máis rallantes que vin na miña vida!

E xa por último, se xogaches algunha vez ó Duck Hunt, aquel simulador de caza de patos, supoño que che fervía o sangue cada vez que deixabas escapar algún e o can se mofaba de ti sen que poideses facer nada para que calase. Pois xa podes vengarte do moi miserable neste remake en flash con gráficos clavados ó orixinal (ou case xD).



Aerolíneas virtuais Google Earth

E a pesares da manía que lle collín na última semana a algúns elementos de Google (ler a entrada anterior), cada día me asombro máis coas capacidades e coa exactitude de Google Earth.

Aquí tedes un vó cun caza polos Alpes (perfecto para que vexamos a cima do Mont Blanc aqueles que nos cansamos subindo ata o mirador do Pindo... en coche).



E aquí a mesma excursión no Google Earth.



A exactitude é asombrosa. A este paso, os de google acabarán collendo cacho da tarta dos videoxogos, non só cun Second Life, senón tamén cun simulador de vó.


Vía: X-tray

lunes, 5 de marzo de 2007

Gracias, Raios Infravermellos

En serio, este paréceme o mellor invento que vin en moito tempo. No meu entorno familiar e de amigos son coñecidos os meus riles con complexo de maracas. Dende hai algúns anos, cunha periodicidade que vai dos 12 ós 18 meses, a un deles (van alternando) dáselle por producir unha pedra o suficientemente pequena para que non poidan rompela con ultrasonidas e o suficientemente grande para que os meus uréteres parezan a entrada a Santiago un luns pola mañá. Se en vez de riles tivese ostras e en vez de pedras produciran perlas, aínda tería algún motivo para levar a dor con algo de satisfación. Como non é así, só me queda joderme.

Cada vez que ocorre isto, empezo a frecuentar as urxencias do Hospital Clínico na busca de algo de droja no colacao, e dicir, nolotiles, buscapinas e diazepam en vea, que é o único que pode aliviar o volume das miñas blasfemias. Claro que entre o diámetro ridículo das miñas veas, a súa querencia polas flebites, e as legañas das enfermeiras, acabo a tempada de pedras con brazos de yonkis. Na última crise acabei con 8 moratóns (un par deles solapábanse) que non daban moi boa imaxe na redacción.

Despois desta disertación egocéntrica, volvo ó fío: isto paréceme o mellor invento que vin en moito tempo. O dispositivo proxecta luces cercanas ós raios infravermellos que permite visualizar as veas sen importar idade, tono de pel do pacente ou pésima herencia xenética en cuestión de tuberías. As enfermeiras xa non poderán usar a socorrida excusa de "es q las tienes tan pequeñas [las venas] que no te las veo".

Tamén ten outras aplicacións como axudar no tratamento non invasivo de varices, así que supoño que como sempre, se popularizarán antes nas Corporacións Dermoestéticas que nos centros da Seguridade Social.




Vía: No puedo creer que lo hayan inventado.



Zoomquilt 2007

Cada vez que vexo estas cousas, penso no moito que desfrutaría El Bosco con elas. O Zoomquilt consiste nunha sucesión ordeada de imaxes, na que cada imaxe contén a seguinte. Amosadas nun bucle pechado, crean a ilusión dun túnel infinito de imaxes.

Vira hai algún tempo a primeira versión que databa do 2004 e xa me dexara asombrado, pero recoméndoche que lle botes unha visual á última, elaborada por varias artistas nunha boa mostra de arte colaborativo.


Vía: Chuza!

Libre outra vez, cortesía de Blogger

Como algúns de vos xa sabedes, o silencio que invadíu Crónicas de Oz nos últimos días non se debeu a un ataque de apatía, senón que é responsabilidade única da xente de blogger que nos tivo recluidos nunha celda acusados de facer spam.



Segundo parece, os robots de google pasaron por aquí e consideraron que o contido era de tan baixa calidade que só podía ser obra dun posteador basura que buscaba vender algún producto de segunda categoría como alongadores de penes. Vexan se non a excusa que me puxeron para impedir a publicación de entradas:

"Los robots de Blogger que previenen la publicación de blogs no deseados han detectado que su blog presenta características de blog no deseado. Los blogs que se comportan de este modo se denominan blogs spam y se pueden reconocer por su texto irrelevante, repetitivo o sin sentido."



Elianinha, coa vea sensacionalista que a caracteriza cada vez que ve o Tomate non tardou en clamar ó ceo ¡Censura, censura!, lembrando un episodio vivido nunha conferencia do director de marketing de Google España na que lle preguntamos pola súa baixada de pantalóns en China. O pobre directivo, que non vía moito máis alá do adSense, só foi quen de balbucear un nada convinvente, "bueno, yo creo que los chinos están mejor con Google que sin Google...".

E aínda que Elianinha esaxerou un chisquiño, a "detención" durou case 3 días, tempo que empregou Blogger en verificar que as probas aportadas polos seus robots non soportarían a burrocracia dun xulgado español. Despois dese tempo devolveron a custodia do blog sen dicirme cal dos tres requisitos incumpría para ser un blog spam (¿non ten contido irrelevante? ¿Non é repetitivo? ¿Ten algún sentido algo do que falamos aquí?).

En todo caso, a nota de desculpa enviada polo autodenominaao blogger team non vai poder evitar o inevitable. Non hai traza de síndrome de Estocolmo, así que está decidido: vou migrar a Wordpress. Xa o estivera sopesando seriamente antes de abrir Crónicas de Oz pero no seu momento pesou máis a ausencia de hosting propio e o sentimentalismo vinculado ó meu primeiro blog (tamén aloxado nos servidores de blogger). En todo caso, a decisión está tomada, e é mellor facelo agora que só hai que facer a mudanza de centenar e pico de entradas. Nas vindeiras semanas poñereime a iso, xa vos irei avisando e pedindo axuda ;)

PostMortem: Por certo, graciñas a todos aqueles que me expresastes a vosa solidaridade e ós chuzastes no adsense de Elianinha (que me prometera a metade da recadación mentres durase o secuestro por se necesitaba contratar un avogado). Que saibades que hoxe son 0'10€ máis rico gracias a vós. Snif, que emoción!

martes, 27 de febrero de 2007

Mamoneo


Si, efectivamente, estas son as noticias máis lidas de Elmundo.es. A captura é do venres pasado, pero o domingo á noite seguía sendo idéntico. Magnífico rendemento lle saca o Pedro Jota á filtración da entrevista a García.

E xa que non mo preguntas, vouche dar a miña opinión sobre o asunto. No momento no que me enterei da excusa de TVE para non emitir a entrevista, pensei honestamente que se trataba dun súbito ataque de responsabilidade por parte dos dirixentes do Ente, un modo firme e tallante co que o novo presidente pretendía marcar o territorio. Porque sexamos honestos, ¿alguén que coñeza a José María Gracía dubidou nalgún momento dos sapos e demos que podía soltar pola súa boquiña? Outra xente máis autorizada pensou algo moi similar.

Pero nestas chegou o inevitable. Horas despois da cancelación, o vídeo xa rulaba pola rede. Non por Youtube, senón na versión dixital de El Mundo. García non deixa títere con cabeza, pero máis alá do Imperio do Monopolio, os grandes afectados polas revelacións de García son todo o entorno político, mediático e económico da Dereita española, dende Aznar a Zaplana, de Losantos a Buruaga, de Villalonga a Florentino Pérez. Nin sequera el queda ben parado. Resposta durísimas que ben se merecen un par de condenas por difamacións e calumnias se García non pode demostrar o que dixo.

Si, pero ollo, porque nos corenta minutos non hai un só insulto, a excusa esgrimida por TVE para non emitila. Non só iso, senón que honestamente, creo que sería unha entrevista moi necesaria para que a xente tomase consciencia do mamoneo explícito entre políticos, empresarios e xornalistas.

Entón, ver que TVE prentede silenciar unha entrevista na que os principais damnificados son os protagonistas de telenovela da Dereita Ibérica descolócame. Ver que as poucas horas Pedro Jota é quen consigue a filtración e non ten reparos en primar os intereses económicos sobre a lealtade ós seus amigos desconcértame. Coñecer que a filtración pode ter sido facilitada polo propio director xeral de RTVE indígname. ¿A conto de que un programa financiado cos cartos de todos os españoles merece censura na TV pública, pero non ten problemas para encher a conta de beneficios dunha empresa privada?

Moito mamoneo hai por aquí.

Chuza! no acompañante da semana

Un ano de Chuza! Coño, como pasa o tempo.
Como regalo de aniversario, esta tuneo da bandeira do "Eche-o-que-hai-ismo".




¡E noraboa tamén ó pai da criatura!

lunes, 26 de febrero de 2007

Polbo vs Quenlla. O gran duelo

O noso polbo vive no seu acuario todo tranquiliño, afastado do mundanal ruido dos predadores. Sen molestar a ninguén, retirado da vida pública. Os coidadores, ociosos eles, decátanse que nestes tempos de minipisos de 30 metros cadrados non estamos para malgastar espacio, así que o polbiño vai ter que compartir acuario cun par... de tiburóns (ou quenllas, para ser máis enxebre).



Menos mal que a natureza é sabia e entende algo de xustiza poética
Por certo, ¿nos vos recorda o vídeo a campaña esta de "abrazos gratis"?

Viaxe ó límite do Universo Coñecido

- ¿Oes, viches o capítulo de Futurama no que Fry chega ó límite do Universo e descubre que realmente non hai infinitos mundos paralelos, senón unicamente 2: o noso e outro onde a xente vai vestida de cowboys?

- Pois non, pero estaría ben facer unha película na que alguén chegase ata o límite do seu Universo para ver que hai realmente.

- Home, xa fixeron unha, "O show de Truman"


E nesas estabamos cando vimos que se non podía facer unha película decente sobre o tema sen documentarse con xeito. Así que cando nos demos conta, xa colleramos a saída á autopista cara ó límite ó Universo Coñecido. Como ben sabes, o camiño é bastante longo e tedioso, sobre todo se optas pola Autopista do Atlántico, así que tivemos tempo para divagar sobre a cuestión...

- Eu creo que ó final de todo, ten que haber unha porta xiratoria. Iso provocaría a impresión de viaxar por múltiples dimensións paralelas, os "deja-vu", as pantasmas, o sexyo sentido, as psicofonías... Todo serían ilusións de camiños diferentes, de saidas diferentes, pero realmente, non son máis que falsas impresións de movemento que se solapan no espacio...

- Ah, diso falaba un teórico da teoría das supercordas

- ¿O que oh?

Posto que o meu compañeiro non estaba familiarizado coa teoría das supercordas, explicarlla amenizou gran parte do viaxe, especialmente se temos en conta que eu tampouco estou familiarizado con ela.

Tras moito cavilar, chegamos ó convencemento de que aquela travesía só tiña 2 conclusións posibles:

1) Inexorablemente, atoparíamos algo que nos impediría seguir adiante.

2) Vagaríamos eternamente posto que non existe ningún límite nin fin deste Universo Coñecido. Claro que isto era unha hipótese estúpida. Se non existise tal límite, tampouco existiría a nosa viaxe ata ese límite, e se algo había de certo en todo aquilo, era que estabamos viaxando.

Así que unha vez que nos autoconvencemos de que a nosa viaxe non sería en van (e non sabes o a ledicia que nos invadíu nese momento) puxémonos a pensar que clase de obstáculo insalvable nos impediría seguir adiante.

Tendo en conta as múltiples imperfeccións deste Universo, seguramente teremos detrás de toda esta desfeita a man dalgún político ou burócrata. E de todos é sabido que non hai cousa máis apreciada polos burócratas e polos políticos que as sinais de advertencia e perigo. Por exemplo, "¡Coidado, fumar provoca fume!" ou "¡Ollo, España desvertábrese!". Así que convimos que non sería de estrañar atopar algo do estilo...



- Oes, ¿e se non somos máis que peóns, pezas que forman parte dun xogo no que nós non pintamos nada? ¿Se o libre albedrío non fose máis que unha ilusión mentres o azar nos arrastra polos designios duns dados cósmicos?

- Home, todo pode ser. Pero se é así, ¿ti que cres que atoparemos ó final?

- Quen sabe, quizais algo así...




Quizais por deformación profesional, quizais porque internet nos chuchou os miolos, quizais porque comezaba a faltar osíxeno na cabina, tamén demos en pensar que o Demiurgo Universal podería ser un pouco friki así que ó mellor atoparíamos algo do tipo


"GOOGLE UNIVERS, EN BETA DENDE O BIG-BANG"

ou

"NON TEN SUFICIENTES PRIVILEXIOS PARA IR MÁIS ALÁ.
CONSULTE CO SEU ADMINISTRADOR DE SISTEMAS"


ou

"GAME OVER. INSERT COIN TO CONTINUE"


Isto último sería realmente problemático, porque botando contas, o pouco que nos quedaba solto teríamos que invertilo en combustible para volver, e no Espacio Exterior non aceptan nin Visa, nin Mastercard (e ningún dos dous levaba a tarxeta de El Corte Inglés).

Pero o que de ningún modo podíamos agardar, era que tras cruzar medio Universo Coñecido, a única resposta que atoparíamos sería...



Acojonante...


Frente de Libertaçom do Grelo

Acúmulase o traballo nas oficinas de patentes e rexistro de marcas. Se hai algunhas semanas xurdía simultaneamente en varios blogs galegos o F.LG., Fronte de liberación dos Galenecos, agora, da man de Andresolo, aparece o F.L.G, o Frente de Libertaçom do Grelo.



¡Esta si que é forma de libertar o país, carallo!

Vía: Zero Vacas
Enlace: O espaço de Andresolo no YouTube.