miércoles, 21 de febrero de 2007

O retorno do Chupacabras

Mira que había anos que non oía falar del, dende os tempos nos que o quiosqueiro me reservaba a "Más Allá" ou a "Año cero". BoingBoing faise eco da última fotografía do Chupacabras, ese ser da mitoloxía contemporánea que foi todo un fenómeno mediáticos nos 90 en América Central e no Sur de Estados Unidos. De alí prescisamente chega a foto dun presunto exemplar morto, concretamente de El Paso (Tejas) que se lembro ben era onde David Carradine non podía calar para sempre e lle fastidiaba un chisco a voda a Uma Thurman en Kill Bill.

Pouco coñecida por estes lares, a lenda do Chupacabras ben merece estar á altura do monstro do Lago Ness ou á autopsia do alieníxena de Roswell. Aínda que se comezou a falar del a finais dos 70 nos Andes Bolivianos, alcanzou a popularidade vinte anos despois, cando decenas de animales (especialmente ovellas, cabras e vacas) de Puerto Rico, México e Estados Unidos comezaron a aparecer mortos. Os cadáverese non tiña gota de sangue no corpo que parecía ter sido extraída a través dun pequeno burato. Ningunha ferida máis.

Non tardaron en aparecer os primeiros avistamentos que falaban dunha criatura de menos dun metro de alto, grandes ollos ovalados, rostro canino e bípedo. En plena febre milenarista, o chupacabras reunía todos os ingredientes para converterse nun ídolo mediático, chegando a utilizarse a súa imaxe para camisetas, chaveiros e toda a parafernalia turística. Diversas teorías tentaban botar algo se luz sobre a súa orixe, dende os seus antecedentes alieníxinas (como ET, pero con mala ostia, que viaxar tantos anos-luz deixa moita fame) ata que non era máis que unha secta satánica que levaban o entroido demasiado lonxe. Celoso da súa intimidade, negouse sempre a aparecer en fotografías ou vídeos cunha mínima credibilidade, así que incluso se montou a ruta do chupacabras para probar sorte.

Pero o Chupacabras non tardou en caer en desgracia. Visto con perspectiva, as auténticas víctimas do "Efecto 2000" foron todos estes fenómenos new age alentados polos medos milenaristas. Durante a segunda metade dos 90 multiplicáronse os avistamentos de ovnis ou de animais neomitolóxicos, pero unha vez chegado ó novo século, e visto que o mundo, mal que ben, segue a dar voltas como antes, todo este interese decaeu. Quizais se o Chupacabras se deixase caer un día destes polo Youtube, podería volver a desfrutar dos seus 15 minutiños de fama...

PostMortem: Entre o Chupacabras e estas ovellas, ¿quen credes que gañaría?

Enlace: O Chupacabras na Wikipedia

No hay comentarios: