martes, 27 de marzo de 2007

A grandes preguntas, vagas respostas...

O café que toma Zapatero custa 80 céntimos. Quen sabe, é posible que o café que toma el na cafetería do Congreso sexa bastante peor que o que me custa a min 1'10 tódolos días, e que nin sequera poida levalo en vaso de cartón para mantelo quentiño. Tamén é posible que ZP sexa máis de manzanilla ou tila...

Sospeito que isto será o gran tema mañán. En todo caso, poucas conclusións máis podemos sacar desta primeira proba de "Tengo una pregunta para usted". Seguramente o outro gran titular (que no fondo, era case unha obviedade) sexan os "indicios de ilegalidade" que o Ministerio de Interior ve no novo partido rexistrado pola esquerda abertzale. Minucias, comparado co café do Congreso...

Este primeiro intento de TVE é positivo, como toda iniciativa que tente baixar ós políticos das súas alturas ficticias. Milá estivo á altura das circunstancias, dando tensión a un espectáculo moi necesario pero terriblemente antitelevesivo polo ritmo lento das respostas, redirixindo ós entrevistadores ocasionais que perdían o fío e endurecendo o debate en momentos puntuais nos que Zapatero comezaba a relamerse en exceso no seu propio talante.

Pero por moi instructivo que fose ver contras as cordas ó presidente do goberno contestando a preguntas reais, de extrema importancia, a proposta déixame un regusto amargo, como de proba fallida. Supoño que o formato se repetirá sen variación cando Rajoy pase polo estudio dentro duns días, non vaia ser que se queixe de trato discriminatorio e plantexe un boicot contra o moribundo Pirulí, pero en todo caso necesita un par de revisións.

En primeiro lugar, isto non é Francia. Chamame chauvinista, pero incluso Sarkozy despeinado , despois de durmir a sesta e con dous diazepam disoltos no colacao ten máis telexenia que calquera líder político español. Alí é completamente habitual ver programas similares, incluso máis atrevidos. Hai dous anos, o día despois da primeira volta das eleccións rexionais e municipais, na ex-canle pública TF1, destacados políticos franceses -entre os que estaba Ségolène Royal- debatían sobre o resultado sentados no medio do público que tamén intervía en ocasións puntuais.

Por iso un erro importante é importar un formato estranxeiro sen considerar que os nosos políticos están tan encantados coa melodía da súa propia voz que nin se estenden durante minutos sobre evasivas e obviedades. 2 horas para 30 e pico respostas (das 100 previstas) que se me fixeron eternas

Durante moitos momentos, Zapatero naufraugou entre o oceáno de palabras que debían facerlle de salvavidas. Para a próxima vez, non estaría mal colocarlle un micrófono retráctil ós 59 segundos, ou mellor aínda, unha bocina. É máis, propoño dende aquí que tras ese tempo, os 100 entrevistadores espontáneos poidan facer un minireferendum e se o político de turno non resulta convincente, unha trampiña se abriría baixo os seus pés, como naquel concurso estreado por Telecinco hai algúns anos. E fin da pantomima.Un turmix entre o elegante asamblearismo ateniense e ese coliseo romano que sempre tivo o seu puntiño épico. Polo menos, a política resultaría máis divertida, ¿non cres?


PostMortem: ¿É cousa miña, ou Zapatero parécese cada día máis nos xestos a Felipe González? Xa sei que é recurrente dicilo dende o día que lle gañou por un pelo a Bono a Secretaría Xeral do PSOE, pero agora os seus brazos e mans son un calco. Iso si, no que habilidade retórica, as comparacións son odiosas...

5 comentarios:

Gata Vagabunda dijo...

Eu xa non son moi zapatista, teño que admitilo, pero é que creo que a súa capacidade de oratoria é verdadeiramente limitada...se hai que improvisar un mínimo pónme nerviosa con ese silabeo lento e a repetición da mesma frase de tres formas distintas...

Alana dijo...

Para min fíxose aburrido, aburrido. Este home supérame, entre o "tonito" e a retórica parece que sempre di o mesmo. O momento en que Milá lle dixo que fose breve porque se de cada pregunta iba facer unha lista de todas as medidas do seu goberno non acababamos máis, foi o mellor. Despois xa non puiden soportalo e púxenme a ver House. Agora ben, o formato pareceume interesante, e certo é que con trampilla a lo "Eres el rival más débil" non habería House que se lle puxese por diante nos audímetros.

Anxo Caído dijo...

O do café...Ata o café de Suso, que non se distingue por ser precisamente un expresso italiano, custa máis.Se o avó Patxi levantase a cabeza(xa sabes o que pasaría,eh? :P)...
Un puntiño chauvinista si que lle botaches,pero hai que recoñecer que tes razón.Rajoy aínda se está a arrepentir de cando convidou a Sarkozy o ano pasado e deixou ao seu anfitrión nun segundo plano máis bochornoso ca María Monsonis(a
"ghichiña" de Cómplices :D).

Chexire dijo...

E iso que Sarkozy tampouco é o máis brillante político francés en canto a oratoria (tampouco destaca especialmente en moitas outras facetas, pero bueno) pero os nosos políticos nin sequera saben ser populistas...

Que mal panorama temos, se os políticos non nos crispan anunciándonos o apocalipse por fasículos, consígueno adoptando o metabolismo dun galápago...

Zerovacas dijo...

Zapatero é Zapatero, é frío, mecánico, neste tipo de formatos sempre vai sufrir un tanto. Pero tamén resulta un político próximo no trato.

Non me deu unha mala impresión, tanto nas preguntas sobre economía (que non domina, pero no que pode alardear de grandes datos macroeconómicos), como nas moi comprometidas sobre de juana..., nas que estivo bastante seguro.

Como experiencia gustoume, aínda que é certo que as próximas veces que se faga deberá ter máis ritmo, respostas máis curtas... O que me importa, sobre todo, é que se repita, alén do prometido programa con Rajoy. Gústame como experiencia, e como unha forma de que os políticos falen de xeito claro sobre temas sobre os que moitas veces non falan.

O peor, para min, é que parece que todo o que resultou foi a metedura de pata do café (que manda huevos, é o tipico exemplo de pregunta comprometida que ven nos libros de marketing políticos; o prezo dun café e o dunha barra de pan)