martes, 13 de febrero de 2007

Polar Rose: a imagovixilancia folsconómica

Perdoa os palabros do título, creo que hoxe me levantei pedante. Aínda non sei se Polar Rose me ilusiona ou me inquieta. Por unha parte paréceme que supón un paso adiante moi notable na tecnoloxía dos buscadores, sumando algoritmos con redes sociais. Pero por outro, de confirmarse, creo que se comeza a bordear unha perigosa fronteira.

Polo visto, a empresa sueca Polar Rose ultima un proxecto capaz de identificar as persoas que aparecen en fotografías publicadas na rede. Para superar esta barreira tradicional dos buscadores (que nin sequera analizan as fotos, senón que se basean nas etiquetas ALT) creou o software "Bloom" que analiza cada imaxe na busca de cara de persoas, convertindo a imaxe 2D nun escaneado 3D.

Este sistema compleméntase coas etiquetas que os usuarios imprimen nas fotografías. Un plugin descargado -en principio, haberá versións para Explorer e para Firefox- situara unha rosa en cada persoa que apareza nunha foto. Ó pinchar na flor, terás opción de introducir o nome da persoa, no caso de que o sistema non a recoñeza, ó tempo que permite buscar outras fotos desa ou doutras persoas que se parezan a elas. Unha combinación de escaner futurista aderezado co toque flocsonómico tan "web 2.0".

Agora ben, se sistemas como Polar Rose se extenden, ¿podo evitar aparecer identificado na rede en contra da miña vontade? Si, certo, este problema xa se plantexa hoxe en día (¿podo evitar que me identifiquen nunha foto en flickr?) pero esta parece unha ferramenta moito máis poderosa polo seu enorme poder viralizador. Unha vez recoñecido e etiquetado o meu rostro, a miña privacidade sería inversamente proporcional á popularidade de Polar Rose.

Quizais pretender ter os meus 15 minutos de privacidade sexa poñerlle portas ó campo, pero eu que sei, tantos cambios xuntos, e eu vou tan vello, que non sei se poderei acostumarme...

Vía: Consumer.es Eroski


___

Postmortem: Non ten nada que ver, pero Polar Rose recordoume a MyHeritage, unha web que che escanea a cara buscando parecidos teus con famosos (ou famosillos). Hai tempo que non o probo, os resultados non son moi fiables, pero valían para botar unhas risas.

No hay comentarios: