Esta semana, parada no galpón de Breogán
Como di Zero Vacas, "ás veces dá a impresión de que a política galega é un asunto tan serio que tan só uns cantos escollidos poden falar dela. O ton debe ser grave, ben argumentado e serio, e é que a política non che é cousa de risa. ¿Como vai falar a xente en serio sobre política se antes non se pode rir un pouco dela?"
Corren tempos grises de homes grises. Por iso se fai difícil crer que a retranca se esvaeza agora que é tan necesaria para colorear a insulsa -pero indixesta- sopa de actualidade diaria. Menos mal que quedan batallóns que se negan á rendición, tamén no blogomillo. Aí tedes Galpón de Breogán, que se presentaba hai algunhas semaniñas co seguinte manifesto
Os autores desta web cremos, sinceramente, que os nosos políticos, culturetas e deportistas son tanto ou máis patéticos que os de todo o mundo, así ben merecen ser branco dunha parodia. Non obstante, dende o terrible rapto dos galenecos perdimos xa toda esperanza de que alguén vaia acometer tan necesario labor, así que, fieis o espírito dos tempos, decidimos facelo nós mesmos. Aquí falarase de todo un pouco, de luns a venres e sen nada que se pareza a unha liña editorial. Por iso somos un galpón, un caixón de sastre, porque o único que os cinco pais desta criatura temos en común é a irreverencia e as ganas de falar do que pasa entre o Padornelo, a Raia Seca, o Atlántico e o Cantábrico. Disfruten deste vicioso cabaret.Eu engancheime a eles coa retransmisión da sit-com que Tou, Quin e Fei representaron hai unhas semanas en Monte Pío-Pío. O humor éche o que ten, non só é necesario, senón tremendamente adictivo.

4 comentarios:
Como representante do Galpón de Breogán, alomenos mentres sexa luns, douche as grazas polo peloteo. Podes pasar cando queiras pola túa dose.
As grazas están moi ben, pero quedaramos en que o peloteo se cotizaba algo máis, ¿non? A ver se vos mando o cobrador do frac.
Ala, a seguir botando risas (e gardádame a dose, que vou para alá)
!Ah, a avaricia corroe os alicerces da nosa sociedade! Os galponeiros somos xentes espirituais que nos alimentamos só de arume dos pinos e licor café, así que pouco te podo ofrecer ademáis das grazas...
¿Conformaríaste cunha foto autografada de Anne Marie Rivers?
Parece un bo trato. Seguro que a foto ten boa saída polo eBay ;)
Publicar un comentario