Entroido estatutario

E é que ¿para lle imos dar voltas a un novo estatuto se parece que non lle interesa a ninguén? Se co catalán flipamos porque a participación non chegou ó 50% despois de todo o follón que se montou (molestando incluso ós xuices do Constitucional, que teñen un mal espertar que non vexas), agora en Andalucía rebasan a duras penas un ridículo 36%. ¿Para isto tanto ruido?
Vamos camiño dos catro anos dende que se abríu o proceso de reforma do modelo de Estado en España e a dicir verdade, un chega á estas alturas en saber moi ben a que veu tanto follón. O cacarreo infernal de políticos e medios de comunicación sobrevalorou un debate que a cidadanía non parece compartir. Ou non nos preocupamos de explicarlle ó pobo ó importante que son estas reformas ou resulta que o pobo é máis listo que os gobernante e os seus altofalantes.
Xa escoitei a varios políticos, sobre todo do PSOE, achacar á baixa participación a que estaban todos de acordo e polo tanto non había tensión polo resultado. Vamos, coma nun partido amañado a final de tempada. Considerando que no caso do Estatut case ninguén estaba de acordo e había máis tensión que nunha convención de hipertensos a excusa parece un pouco de garrafón. Señores, espabilade, que non hai máis volta que darlle: o noso discurso -políticos+medios- non interesa.
A medida que a política perde os seus ideais, vaise convertendo nunha complexa burocracia maquillada baixo capas e capas de marketing. E por moito show crispado que tentemos montar, non hai cousa que máis lle revente á cidadanía que a burocracia.
No fondo vai resultar que se Touriño, Quintana e Feijóo fuxiron do pacto como gato incendiado non foi por un "quítame de allá esa nación" ou un "ponme aquí un fogar de Breogán", senón que saben que os galegos preferiremos ir ó Entroido ou a praia antes que ir votar algo que non sabemos moi ben para que carallo serve. Ou si que sabemos, pero nos da un pouco igual. Non te estrañes se calquera día che din pola rúa "¿Un novo estatuto? ¿E logo o vello rompeu? Mira que na televisión din que co do cambio climático hai que reciclar e non malgastar".
A este lado do Telón de Grelos sómosche listos como en ningún lado.

PostMortem: A este paso, vou ter que abrir unha nova categoría cos titulares de Libertad Digital. "Dos de cada tres andaluces no respaldan el nuevo Estatuto"
2 comentarios:
Fermoso titular, ese. Carne de Malaprensa...
En todo caso, coido que é normal que á xente non lle interese o dos Estatutos. Se non es un friki da política resulta realmente complicado ver para que pode servir ese trebello dentro dos misteriosos engranaxes da organización do Estado. ¿Significa iso que reformar as normas autonómicas non vale para nada? Pois non, si que valen, entre outras cousas para o reparto dos servizos públicos e para ver ata onde queremos levar esta merda das autonomías.
En xeral, á xente non lle interesan as teorías do electromagnetísmo e a difusión das ondas. Pero si que lle interesa que lle funcione o teléfono móbil. Pois iso e perdón pola parrafada, pero é que estou sensible co tema.
Non é ningunha parrafada, creo que tés toda a razón razón. Eu levo anos falando da necesidade dun debate serio sobre a reforma do modelo de estado, no que a cidadanía se involucre de verdade. Ó fin e ó cabo, falamos das bases da nosa convivencia, é moito máis serio do que pensamos.
Certo, á xente dalle igual os mecanismos polos que se rixen as nosas autonomías, competencias, servizos públicos... En gran parte será por desidia, non o discuto.
Pero mentres esta clase de novos patricios que nos goberna siga máis pendente de apuñalarse que de facer política de verdade, non podemos pretender que a xente se involucre en discusións metafísicas sobre o sexo da nación/nazón ou a infalibildade dos preámbulos.
¿Alguén dubidaba de que onte ía gañar o "SI"? ¿alguén o dubidaba no caso do Estatut? ¿ou no referendum pola Constitución Europea? E posto que o resultado xa se sabía de antemán (que diso xa se ocupou a maquinaria mediática) e o de menos era a participación, o que resulta é unha versión posmoderna do despotismo ilustrado.
Levamos anos escoitando ese argumento de "o pobo ten os políticos que merece". Pero ó mellor vai sendo hora de que se decaten que os políticos tamén obteñen a resposta que se merecen...
E coño, hai que ver como me enrollo...
Publicar un comentario