A fina liña entre política real e virtual
Ségolène Royal e Jean Marie Le Pen abren sucursal en Second Life. A carreira pola presidencia francesa traspasa o Mundo Real(tm) para chegar o metaverso virtual máis cool do momento. No caso de Ségo, autoproclamada paladina da Democracia participativa, non sorprende este salto. De feito, o que me estraña é que non tivese xa o seu rincón aberto ata este mes.Máis raro me resulta imaxinar ó octoxenario Le Pen dando un discurso ós despreocupados avatares de Second Life. Certo é que o seu partido é dos que mellor usan o marketing viral como antídoto ó cordón sanitario imposto polo resto de partidos. Polo visto, a iniciativa non tivo moi boa acollida e a sede virtual do Front National foi saboteada nun par de ocasións, algo reprochable e contraproducente, pois dalle a Le Pen máis carga para o seu habitual discurso victimista. (Nota cruel: Ó mellor podería atopar máis comprensión entre os orcos do World of Warcraft).
Royal en cambio parece saber onde se mete, consciente de que ten moita simpatía gañada na rede. Candidata de indudable blogoxenia (perdón polo palabro...) parece sentirse incluso máis cómoda na realidade dixital que na "física", onde o seu escudo de bloggers non pode protexela dos adversarios que medran como setas moi preto dela. Nas vindeiras semanas veremos se Internet é a súa rede de salvación ante os primeiros problemas serios que se lle presentan ou se os ideais da alumna europea aventaxada de Howard Dean comezan a desinflarse.
Para o equipo de Sarkozy a iniciativa de Ségo é ridícula ó levar a campaña a un universo virtual cunha presencia francesa case marxinal. Non tardarán en preguntarlle a Royal se está máis preocupada polos problemas dos avatares que dos franceses de verdade, ou se pensa aportar solucións virtuais ós problemas reais da vivenda, paro, educación...
E terá que respostar, pero o de Sarkozy parece a pataleta de quen ten a batalla perdida de antemán nun terreo descoñecido por completo. Vamos, o conto da raposa e as uvas. Certo que o escrutinio non se decidirá polo votos recaudados en Second Life e que se trata máis ben de proxectar unha imaxe de modernidade e conexión coa xeración web. Pode parecer un xesto demagogo e mercadotécnico, baleiro de interese real, pero non se debe despreciar a forza destes símbolos. A cidadanía agradéceos bastante, nunha época onde a maioría dos políticos non se molesta nin en parecer populistas...

PostMortem: Metaversos virtuais á marxe, parece descartado o que pasou hai 5 anos, cando Le Pen aproveitou a división da esquerda para colarse na segunda volta das presidenciais. A día de hoxe todo se reduce a un duelo Royal/Sarkozy, pero non deixa de ser preocupante que a súa intención de voto non baixe do 15%, igual que en 2002. Parece un chan electoral firme, contradicindo as teses que afirmaban que todo se debía ó voto protesta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario