viernes, 4 de mayo de 2007

9, 8, 7...


Moitos de vós xa sabedes de que vai isto. Xeración Web, o proxecto no que levamos embarcados diversa xentiña (poucos, pero majiños) dende hai algún tempo, comeza a saca-la cabeciña.

De momento está en situación moi primaria, poderiamos dicir que en fase oral, como un blog dende o que vos iremos contando os detalles previos ó lanzamento definitivo, xa como xornal dixital "completo".

Ben, pois xa nos contaredes que vos vai parecendo ;)




miércoles, 2 de mayo de 2007

Bágoas na choiva

Levo uns días caladiño de máis, seino. Pero é que hai crónicas que se escriben mellor con tinta invisible, desa que en principio parece deixar a folla en branco, pero que tras un tempo desvela o segredo do seu silencio.

Ben, pois estes días ando a procura dese silencio. Prometo volver pronto, ganas non me faltan ;)

De momento déixovos con este vídeo. Hai pouco nunha conversa entre amigos diciamos que aínda está por facer a gran adaptación ó cine dunha obra de Phillip K. Dick. Parece mentira, pero con todo o que escribíu este tío, aínda ninguén conseguíu plasmar o seu espirítu. Replicábanme dicindo que Minority Report e Blade Runner son grandes películas. Estou de acordo, pero as dúas non son máis que leves adaptacións que pouco teñen que ver cos orixinais.

Non conseguín ver aínda A Scanner Darkly. Creo que nin chegaron a estreala en Compostela, e o outro día aluguei unha copia defectuosa que non arrancaba. Desta fin de semana non pasa, xa vos contarei que tal.

En todo caso, hoxe (cousas da sincronicidade) choquei de novo con esta marabilla. O monólogo final de Rutger Hauer en Blade Runner. Cinco frases en dous minutos, un cumio da historia do cine e unha lápida demasiado pesada para a carreira de Hauer. Pouco máis memorable fixo dende aquela (saía en Sin City interpretando ó bispo, ¿verdade?)

jueves, 19 de abril de 2007

Infografía para coñecernos mellor

A infografía 3D e multimedia parece desenvolverse moi ben no campo da divulgación científica e médica. Algúns dos mellores gráficos interactivos de El Pais e especialmente de El Mundo, enmárcanse dentro deste campo, onde información e ilustración poden atopar un bo equilibrio.

E é que con vídeos como estes, quedan claras as tremendas posibilidades da infografía multimedia en campos educativos. Na miña época, os vídeos que nos poñían na clase de bioloxía non eran tan impresionantes





De todas formas, sigo pensando que a "xeración E.S.O." está orfa dos vídeos de "Érase una vez...". Canta anatomía e historia aprendemos con eles...

Vía: MedTempus

lunes, 16 de abril de 2007

A redacción, esa fabrica de (e)ventos

Primeira hora da mañán, na redacción dun medio calquera, comentando o notición do día.

- ¿E quen máis está, aparte de Ana María Ríos? ¡Mira, Rebeca Loos, a amante de Beckham! ¡Que fuerte, que fuerte!
- E Juanito Oyarzábal, o alpinista.
- Ese é o que vai gañar fijo.
- Xa, porque se vai comer ós demais.
- ¡De iso nada! ¡A que o come todo é Rebeca Loos!

lunes, 9 de abril de 2007

Yahoo Alpha Beta e o futuro da busca web

Para moitos a nosa entrada no mundo web chegou da man de Yahoo!, do seu portal, do seu correo web e máis tarde incluso o seu servicio de messenger. A relación en exclusiva durou varios anos e no seu día costoume moito romper a monogamia e poñerlle os cornos con Google.

A pesar de desfrutar dunha envidiable saude financeira, e de ter un magnífico ollo para pescar na web 2.0 (Flickr, Del.icio.us...) cada nova versión dos "servizos orixinais" de Yahoo! parece camiñar un paso por detrás do que faga Google e -en ocasións- incluso Microsoft. Non me gustou o redeseño do portal, nin do correo -autenticamente insufrible- e os cambios anticipados na nova versión do buscador (Yahoo Alpha Beta, toma "webdouspuntocerismo") déixanme bastante frío.

Os resultados do buscador "clásico" compleméntanse agora con outros chegados de diferentes redes sociais como flickr ou a wikipedia, que se poden consultar a través de elegantes módulos en ajax. Aquí acaban as novidades, que por certo, xa estaban presentes en Searchmash, o buscador experimental de Google que tampouco me acaba de convencer.



É innegable que as ventaniñas de Yahoo!, Google, MSN, Google... modelaron a curta pero importante historia da web, ata o punto de que se botan de menos no mundo off-line. Pero se a web se fai máis participativa e semántica, iso tamén debería reflectir nestes atallos para acceder á información que supoñen os buscadores.

Máis alá de complementar os resultados con bonitiños cadros en ajax, o estado actual da rede debería permitir realizar búsquedas máis transversais, ofrecendo ó usuario un maior control da busca. Os grandes motores parecen son moi eficaces para búsquedas xerais, pero pola súa propia estructura silencian contidos máis específicos e puntuais. O éxito de Technorati foi un bo exemplo de que un simple listado xeralista non funcionaba ben no caso da blogosfera. Pero non creo eu que a solución pase por ollar a rede con diferentes perspectivas, usando un buscador para cada tipo de contido.

Tranquilos, que seguro que xa están a traballar niso agora mesmo un par de estudiantes no seu garaxe.

Deus vs Satan ¿Quen matou máis?

Pois como xa se ten comentado algunha vez, non che sei por que demo ten Satán tan mala fama (¿Viches que bo xogo de palabras? "Por que "demo" "ten Satán...". Vale... Xa calo...).

Isto é algo que non sae nos catecismos, pero por se non te decataras, resulta que Deus é un enorme xenocida...


"Unos cardan la lana y otros llevan la fama". Eu son Satán, e métolle unha denuncia a Deus por invasión de competencias. Claro que entre o Diluvio Universal ou Sodoma e Gomorra, xa van alá boa parte dos 2 millóns. Considerando que todo iso ocorre no Xénese, ó principio da Biblia, case podemos consideralo un "ímpetu de xuventude". Tampouco sei se neses números se inclúen os que se carga no Apocalipse, o que me parecería inxusto (o que pasa nese libro non é xenocidio divino, é pura fanfarronería...) .

Así e todo, esas cifras parécenme unha exaración. Se non fora polo "toque divino" do tema, aínda pensaría que eses datos son os da Comunidade de Madrid e da Cope despois dunha manifestación.

Ollo, que se hai manipulación, seguro que ZP está detrás. Que xa sabemos que os masóns sempre se levaron ben co demo. Claro que despois disto, eu xa me creo todo....

lunes, 2 de abril de 2007

mmmmmmmmusicas

Pois polo visto, eu tamén caín nas redes do mmmmmmmúsicas!, o meme de videoclips para momentos de extremidade extrema, ou como din Elianinha ou a Besbellinha, simplemente música para foder.

Como non sabía por onde empezar, decidín facer algún tipo de acotación, polo que me decidín por unha que pode parecer rara, ¡pero que coño!, é tan válida como calquera outra. Así que vou escoller temas de bandas sonoras de películas ou series estreadas ou vistas dende o meu "amencer sexual". ¿Que? ¿Que che parece?

E antes de nada, unha aclaración. A miña inopia absoluta co inglés non me permite explicarlle a un peregrino sueco como chegar dende a Alameda de Santiago ata a Catedral, pero gracias a iso podo despreocuparme por completo da letra das cancións. Unha vez escoiteille unha gran frase a Javier Fesser, de Gomaespuma: "O máis triste de saber idiomas, é que entendes as tonterías que din as cancións que antes che poñían a cen".

En fin, non me enrollo máis, aí vai a miña lista:


1) The Pretenders - Brass in pocket

Lembras cando Bill Murray e Scarlett Johansson pasan media noite van o karaoke en Lost in Translation. Chámame hortera, pero non me digas que a suave voz de Chrissy Hinde non é perfecta para entrar en situación. Un clásico entre clásicos.





Só había que ver os olliños de Bill Murray que se derretía ante tanta sensualidade (no seguinte vídeo, a partir do 2'30). Por certo, que a canción que canta el, o "More than this" de Roxy Music, podería estar perfectamente na lista.




2) Bruce Springsteen - Secret Garden

Claro que sempre pode apetecer máis un comezo melódico, destes de facer aloumiños no sillón quentiños debaixo dunha man. Para iso, nada mellor que unha das baladas suaves de The Boss coa que Tom Cruise se ligaba a unha descoñecida Renee Zelwegger en Jerry McGuire.




3) The Who - Baba O' Riley

Pero se o que necesitas non é nin a sensualidade de The Pretenders nin o balanceo romántico de Springsteen, senón unha descarga brutal de adrenalina que prepare o ambiente para un polvo salvaxe, aí tés o mítico himno de The Who, que facía unha aparición estelar na primeira tempada de House M.D.

Esta realmente vale para calquera momento no que teñas que poñerte as pilas, sexa un sábado a medianoite ou un luns pola mañá na ducha antes de ir para o curro.




4) Beck - Everybody gotta's learn sometimes

Non son nada afecionado a Beck, pero teño que recoñecer que esta canción me chegou ó fondo dende a primeira vez que a escoitei en "Eternal Sunshine of the spotless mind", a sorprendente película de Michael Gondry e Charlie Kaufman (traducida como "Olvídate de mí"). Ideal para acompañar os movementos pélvicos en noites longas e intensas.


5) Thomas Newman - Any other name

E para rematar, a música ideal para "despois", para quedarse acurrucadiños e abrazados despois de tanta festa jolgorrio. É un dos temas principais de American Beauty, aquel que sona na famosa secuencia da bolsa de plástico. Para min é unha música de encrucillada, tanto me pode invadir unha enorme tristeza ó escoitala, como sentir moita paz de espíritu. Quédome con isto último, declarándoa música post-polvo ideal.



Agora paso o relevo a Bautista, Rabudo, Magago, a Gata Vagabunda e a Pirámide.

Esta semana, acompaña Elianinha

Hoxe vou facer algo de corporativismo, pero ben merecido (aínda que moi mal pagado).

Eliana, Elianinha para o blogomillo, pasa por ser unhas das persoas máis hiperactivas que coñezo. É botarlle un ollo a súa axenda, e éntrame unha sensación de luns que non aturo. Entre o xornalismo, o teatro, a escola de idiomas, os estudios na UNED... aínda lle queda tempo para diversas actividades socio-culturo- político-filosofico-frikis. Onte mesmo deixounos proba do seu talento coa estrea da súa última obra de teatro, Metus Extremus, quen ten cú ten ten medo, da que supoño que dará conta e testimonio gráfico nas próximas horas ou días.

Pero aparte dunha moi boa contadora de historias (verídicas case todas xD) é unha grandísima compañeira. Non é peloteo gratuito (ben, gratuito si), creo que outros tamén poden dar fe. Pois iso, teatreira de corazón, un pracer traballar contigo.

martes, 27 de marzo de 2007

A grandes preguntas, vagas respostas...

O café que toma Zapatero custa 80 céntimos. Quen sabe, é posible que o café que toma el na cafetería do Congreso sexa bastante peor que o que me custa a min 1'10 tódolos días, e que nin sequera poida levalo en vaso de cartón para mantelo quentiño. Tamén é posible que ZP sexa máis de manzanilla ou tila...

Sospeito que isto será o gran tema mañán. En todo caso, poucas conclusións máis podemos sacar desta primeira proba de "Tengo una pregunta para usted". Seguramente o outro gran titular (que no fondo, era case unha obviedade) sexan os "indicios de ilegalidade" que o Ministerio de Interior ve no novo partido rexistrado pola esquerda abertzale. Minucias, comparado co café do Congreso...

Este primeiro intento de TVE é positivo, como toda iniciativa que tente baixar ós políticos das súas alturas ficticias. Milá estivo á altura das circunstancias, dando tensión a un espectáculo moi necesario pero terriblemente antitelevesivo polo ritmo lento das respostas, redirixindo ós entrevistadores ocasionais que perdían o fío e endurecendo o debate en momentos puntuais nos que Zapatero comezaba a relamerse en exceso no seu propio talante.

Pero por moi instructivo que fose ver contras as cordas ó presidente do goberno contestando a preguntas reais, de extrema importancia, a proposta déixame un regusto amargo, como de proba fallida. Supoño que o formato se repetirá sen variación cando Rajoy pase polo estudio dentro duns días, non vaia ser que se queixe de trato discriminatorio e plantexe un boicot contra o moribundo Pirulí, pero en todo caso necesita un par de revisións.

En primeiro lugar, isto non é Francia. Chamame chauvinista, pero incluso Sarkozy despeinado , despois de durmir a sesta e con dous diazepam disoltos no colacao ten máis telexenia que calquera líder político español. Alí é completamente habitual ver programas similares, incluso máis atrevidos. Hai dous anos, o día despois da primeira volta das eleccións rexionais e municipais, na ex-canle pública TF1, destacados políticos franceses -entre os que estaba Ségolène Royal- debatían sobre o resultado sentados no medio do público que tamén intervía en ocasións puntuais.

Por iso un erro importante é importar un formato estranxeiro sen considerar que os nosos políticos están tan encantados coa melodía da súa propia voz que nin se estenden durante minutos sobre evasivas e obviedades. 2 horas para 30 e pico respostas (das 100 previstas) que se me fixeron eternas

Durante moitos momentos, Zapatero naufraugou entre o oceáno de palabras que debían facerlle de salvavidas. Para a próxima vez, non estaría mal colocarlle un micrófono retráctil ós 59 segundos, ou mellor aínda, unha bocina. É máis, propoño dende aquí que tras ese tempo, os 100 entrevistadores espontáneos poidan facer un minireferendum e se o político de turno non resulta convincente, unha trampiña se abriría baixo os seus pés, como naquel concurso estreado por Telecinco hai algúns anos. E fin da pantomima.Un turmix entre o elegante asamblearismo ateniense e ese coliseo romano que sempre tivo o seu puntiño épico. Polo menos, a política resultaría máis divertida, ¿non cres?


PostMortem: ¿É cousa miña, ou Zapatero parécese cada día máis nos xestos a Felipe González? Xa sei que é recurrente dicilo dende o día que lle gañou por un pelo a Bono a Secretaría Xeral do PSOE, pero agora os seus brazos e mans son un calco. Iso si, no que habilidade retórica, as comparacións son odiosas...

lunes, 26 de marzo de 2007

Matonismo planetario

Tíñache boa razón o Axente Smith na Matrix orixinal: os seres humáns somos unha plaga vírica...

miércoles, 21 de marzo de 2007

Plano secuencia

Se o travelling é un movemento moral, ¿que se supón que é un plano secuencia de varios minutos? ¿unha relixión?

Adoro a De Palma. O De Palma de "Os intocables de Eliott Ness", "O Precio do Poder" e, sobre todo, "Carlito's Way". Pero incluso algunhas das súas peores películas sálvanse do inferno gracias a algunha proba de mestría destilada nun plano secuencia de varios minutos. Penso nun par de momentos na "Dalia Negra" (e mira que 20 minutos despois de vela metinme noutra sala para sacudirme o cabreo) ou no primeiro cuarto de hora de "Snake Eyes", tan intensos que despois deste shock é imposible recuperar a intensidade. ¿Por Deus? ¡17 minutos seguidos sen cortes! ¡Non creo que en toda a miña época de estudiante fora capaz de atender a algo tanto tempo!

Por iso admiro a xente como Allen ou Altman, mestres nesta arte da manipulación capaces de convertir un momento estático nunha pasarela de moebius. Tamén o cine made in Honk Kong (forma fina de dicir, "películas de chinos hostiándose") son boísimos nisto, mesmo se ás veces as "coreografías" son máis falsas que un billete de 30€ coa cara de Bush impresa. A seguinte secuencia forma parte da película "Thai Dragon".



Iso si, a forma de rematar a secuencia é un tanto cutre, pero que se lle vai facer. ¡Cantos diíñas de ensaio lles debeu levar!... Imáxinate que cando lles quedasen 20 segundos por grabar ó protagonista se lle da por resbalar nas escaleiras. Matalo sería pouco. Tarantino fai unha homenaxe en Kill Bill vol.1, xusto antes de que Uma Thurman se merende a 80 tipos da Yakuza.

Pero se hai un plano secuencia que me marcara, seguramente sexan os 4 minutos de "Sede de Mal" de Welles.



Orson Welles. Este si que debería ter montado unha relixión....

lunes, 19 de marzo de 2007

Búscase hipotecado (con experiencia)

Teño na redacción a Elianinha buscando hipotecados. Di que é para unha reportaxe, pero eu creo que realmente é para darlles un bico e que se convirtan en Amancio Ortega ou en Emilio Botín (e casar despois con eles). O caso é que se reunes algún dos seguintes requisitos (ou se coñeces a alguén que os cumpra), e nolo comunicas estaremos eternamente agradecidos:

- Ter menos de 35/40 anos e ter contratada unha hipoteca.
- Ter máis de 65 anos e ter contratada unha hipoteca inversa (desas que o banco che paga a cambio de quedarse coa túa casa cando a palmes).

Podes deixar resposta nos comentarios ou no correo de Eliana (elimaral@gmail.com)

Graciñas de antemán.

O motivo dalgunhas cousas

¿Que por que Windows se chama Windows? Eu pensaba ata agora que era polo seu innovador sistema de fiestras desplegables e maxi/mini-mizables (innovador comparado con MS-DOS, non co que ofrecía a competencia xa por aquel entón).

Claro que este tamén pode ser un bo motivo...


Vía: VistaRewired


jueves, 15 de marzo de 2007

Ola, son un Mac. Ola, eu son Hal 9000

Apple non se prodiga en exceso polas nosas canles publicitarios. Claro que tampouco lle debe facer moita falta cando calculan que o marketing viral sobre o iPhone lle reportou o equivalente a 400 millóns de dólares en publicidade gratuita. Algún beneficio debía ter ser a maior fábrica de rumores do mundo tecnolóxico.

Seica os anuncios "Get a mac" (os do fulanoss que representan un Mac e un PC, este último cun asombroso parecido con Bill Gates) foron todo un fenómeno en Estados Unidos. Por aquí non gastaron un peso, pero YouTube xa lle fixo o traballo sucio. A chave do seu éxito debe ser o mesmo cóctel de divismo, elitismo e autosuficiencia -pero de indudable magnetismo- que reflexan Steve Jobbs e toda a familia dos mac, ipod e cia.



Claro que a parodia sempre se pode volver contra un mesmo. Pode que os mac sexan magníficos ordenadores se os comparamos cun PC, pero que pasa se facemos un versus contra o mítico Hal 9000 de Odisea 2001?



miércoles, 14 de marzo de 2007

Parecidos razoables


Hmmmm... Chámame susceptible, pero eu diría que este logo me lembra a algo. Fagamos memoria...




Con fondo branco aínda se parecen máis. Iso si, na defensa dos creativos da caixa de aforros galega, parece que o logo de Aramova, empresa de Delivering internet mobility, (se alguén me explica que significa iso exactamente, agradézollo) é máis recente, ou iso parece polo que din nesta páxina. De todas formas, non atopei moito sobre ela, xa que parece que foi adquirida por Birdstep technology, (a ese dominio redirixe a url aramova.com).

Sempre me gustou moito o logo de Caixanova, coa falsa cinta de Moebius formando un debuxo imposible, pero que aparenta ser completamente coherente á vista. Sexa casualidade ou non, a semellanza paréceme ben curiosa, así que se sabedes algo sobre o tema, agradézovos a información. ¿Alguén podería confirmar se o de Caixanova é efectivamente máis antigo?

Por certo, graciñas Marcos, alias Oteixugo, polo descubremento.