Executar os monstros da razón
Os ditadores usan a barbarie para gobernar, pero nada serían sen a complicidade, a cobardía, o medo ou a ignorancia dos pobos que non conseguen facer a súa revolución. Pasa nas ditaduras, nas ditablandas e en todos aqueles autoritarismos de cara amable que se esconden tan preto de nós, baixo os nosos pés. Ó executar a un ditador, alguén podería dicir que eses pobos tentan enterrar o seu propio silencio.
Pero vendarlle os ollos á Venganza para que pase por Xustiza non funciona nunca. A barbarie de Iraq non calará co último rezo interrumpido de Sadam. El só foi quen personificou (mellor que ningún outro home) o odio arraigado nesa terra semente de toda a nosa Civilización.
Tampouco Occidente poderá enterrar tan facilmente a súa complicidade pasada. O monstro Sadam xurdíu coa axuda irracional de Europa e Norteamérica, un pesadelo enxendrado tras unha noite de excesos que durou demasiadas décadas. Pouco importaba que arrasase aldeas enteiras ou experimentara coa última tecnoloxía química ou biolóxica sobre civís; pouco importaba que fose un fillo de puta mentres fose o noso fillo de puta.
Coa execución de Hussein, Occidente busca expiar a súa culpa. Pero aforcar ditadores nunca foi unha boa penitencia.
Descansa, América. Descansa , Europa. Descansa, Iraq.
Mañán será outro día...
No hay comentarios:
Publicar un comentario