domingo, 17 de diciembre de 2006

Noraboa. Ti es a "Persoa do ano"


Ti, e máis eu, e ela tamén, incluso aquel que está alí mirando porno disimuladamente sen decatarse de que ten un espello xusto detrás. Todos nós, internautas, somos "persoa do ano"segundo a revista Time. ¿Cales son os nosos méritos? Polo visto "controlar a Era da Información e convertirnos en cidadáns da nova Democracia dixital". Seica as cousas cambiaron un pouco dende 2004, cando o elixido foi George Bush. Tampouco te fagas moitas ilusións, que Richard Stengel, subdirector da revista, recoñece que de ter elixido a unha única persoa os favoritos eran Ahmadineyad, Kim Jong Il ou Donald Rumsfeld. Pero por unha vez, entre todos, poidemos con eles ;)

Estas eleccións e listas que se publican cada fin de ano non deixan de ter a súa parafernalia publicitaria. De feito, pódese entender incluso como unha campaña de marketing viral, deseñado co mesmo coidado e mimo que un anuncio de Apple. Sen embargo, non está mal que se veña a recoñecer o cambio de vértice cada vez máis visible no mundo da información. Se fixeramos a "nube de tags" do 2006, conceptos e fenómenos como Blogosfera, Web 2.0, Redes sociais, Marketing viral, Wikipedia ou Youtube... invadirían a pantalla. En internet, os lectores estanse transformando en usuarios, constructores dun novo espacio social. Individuos que saben o que buscan e que non dubidan en tomar o control das ferramentas se os medios tradicionais non están á altura.

Sen embargo, meus pais, que non chegan ós 50 anos, foron capaces de chegar ó 2007 sen buscar unha soa palabra en Google nin necesitaron comprar nada en Amazon ou eBay. Tampouco mandaron vídeos a Youtube e nin sequera creo que chegasen a chocar cun só anuncio adSense. Seguramente, o maior efecto colateral de internet nas súas vidas foron o fenómeno Opá e a victoria de Lordi en Eurovisión. Falamos de Web2.0 cando para a maioria non deixa de estar en fase Beta. Na Era da Información Global, ¿non seremos os internautas a súa burguesía, unha oligarquía de 2º nivel?

En todo caso, non vos quero arruinar a celebración. Noraboa a todos. Agora, vaiamos polo Nobel da Paz

__
Actualización: Non sabía que Time tiña na súa web unha enquisa para escoller ó gañador e na que Hugo Chávez sacou o 35% dos votos. Lin esta tarde nalgúns blogs que a elección final foi un parche para non ter que darlle á portada a un personaxe incómodo e que é unha incoherencia premiar a quen estás ignorando (os internautas). Home, non che sei. Supoño que os editores sabían ó que se arriscaban poñendo a Chávez, Ahmadinejad e Kim Jon Il nunha lista pechada de 8 candidatos (os outros eran Al Gore, Nancy Pelosy, Bush, Condollezza Rice e os "You tube guys"). En ningún lugar da enquisa se di que o candidato dos internautas sería o mesmo que o dos editores. Supoño que o fallo é que tampouco se di o contrario...

3 comentarios:

Gata Vagabunda dijo...

Eu non sei se realmente temos, como "colectivo planetario", un poder real, ou somos formiguiñas como sempre fumos... o que sí sei é que a min este maldito medio cambioume a vida, a miña forma de relacionarme coa xente. E sobre todo, permíteme aprender. Aprender, no sentido amplio da palabra...

(Así que Chávez home do ano, ¿mmm? pois qué queres que che diga...)

Chexire dijo...

Creo que poder temos, do que teño dúbidas e de que saibamos como usalo.

En todo caso, creo que o valor das redes sociais e devolvernos a conciencia da "conversación", algo que lle faltaba á primeira fase de internet. A maioría das páxinas montábanse para transmitir información/coñecemento dalgún tipo (ou polo menos, con esa intención) non para "falar". ¿Non cres?

Gata Vagabunda dijo...

Sí, decididamente sí. Os blogs, por exemplo, introducen ese elemento "interactivo".