miércoles, 20 de diciembre de 2006

Neatorama, acompañante RSS da semana

Tras séculos de cultura plana e unidireccional, a revolución científica e dos transportes do s.XIX abríunos a mente a novos horizontes, a novas formas de ver o mundo que xogaban coa ilusión e coa realidade descoñecida. Non lembro onde lin hai algún tempo que daquela fase de descubrimento adolescente aínda nos queda a memoria do -rama e do -scopio, sufixos que exemplificaban a vontade e o compromiso doutra ollada diferente. Lonxe estabamos aínda de entender o mundo a través dos xiroscopios 3D da Wii, pero a revolución das artes visuais do s.XX non se entendería sen eles.

E todo isto, para introducir a Neatorama,unha das zamburguesas favoritas do meu vagar pola rede. Ó contrario doutros blogs dos que son adicto case compulsivo, deixo pasar bastantes días entre visita e visita a Neatorama, para así poder bucear profundamente no seu coctel de actualidade, ciencia, artes, tecnoloxía, publicididade....

E a pesar da extravagancia dalgunhas das súas entradas, nunca deixa lugar para o mal gusto ou para a simple anécdota de recheo. A ollada curiosa e inquieta que propón fai xustiza ao rama do seu nome, por iso seguramente me guste tanto...


No hay comentarios: