viernes, 29 de diciembre de 2006

¿Que pasa coa evolución humana?

¿Segue evolucionando o Homo Sapiens? A priori, moitos investigadores consideran que a especie humana chegou hai varios miles de anos a un nivel de estabilidade biolóxica do que lle será difícil saír salvo cataclismo natural/artificial. Isto veríase reforzado ademais polos sistemas de protección social que favorecen e coidan a individuos que serían bastante vulnerables á selección natural.

¿Escapou realmente a Humanidade á evolución biolóxica? Persoalmente -e recoñezo que os meus coñecementos sobre o tema son puramente especulativos- paréceme que estes razoamentos teñen moito de enganosos. Vale, é posible que as sociedades actuais non favorezan (afortunadamente) a mesma competencia polos recursos/territorios que hai millóns de anos, pero si que se lle saque máis rendemento a xens que noutro contexto non se usarían.

As nosas capacidades culturais teñen a súa base na xenética, pero non poderíamos explotalas a fondo se tivesemos que pasar o día loitando salvaxemente polos alimentos ou para aparearnos. Polo tanto, as situacións actuais quizais non contribuan a crear novas ferramentas xenéticas, pero si a sacarlle máis beneficio ás que xa temos. Pero polo visto, non é tan fácil de explicar.

Quedeime bastante sorprendido ó ler este artigo moi recomendable de Elpais.com. Seica que a partir da tolerancia á lactosa en varias zonas de África oriental, se podería demostrar unha recente evolución da especie humana. Tan recente que estaríamos falando de ¡menos de 3000 anos!

Isto vería a reafirmar o rápido que se pode estender unha mutación favorable, incluso no ser humano, en ambientes de forte competencia natural. ¿Estaremos incubando novas caracterísistas xenéticas que están "agardando" o momento para manifestarse?

No hay comentarios: