martes, 26 de diciembre de 2006

Benvidos ó deserto do real

O pasado domingo cometín o erro de adentrarme no Corte Inglés, algo que nestas datas é como plantarse ante á árbore da ciencia pero en plan consumista. Durante unha hora fun capaz de soportar as sutilezas subliminais que che lanzan dende cada esquina, pero foi ó chegar ó rincón dos dvd's e derrumbarse. Conclusión: Cheguei a casa con 45€ menos e co pack "Ultimate Matrix" coa triloxía de Matrix, as 9 curtas de Animatrix e 35 horas de extras.


No seu momento, foi para min todo un acontecemento que trascendía o ámbito do cinematográfico, facendo obvias referencias a toda a subcultura cyberpunk que devoraba naquel momento (dende Alicia no País das marabillas e O mago de Oz ata Días estraños, Cultura y simulacro ou Ghost in the Shell).

Matrix evidencia como ningún outro producto comercial o preto que está a nosa época do Barroco. Se naquel momento a humanidade espertaba ante o pesadelo de que a existencia fose unha simple obra de teatro, no noso caso ben podería ser unha simple simulación electrónica, un simple videoxogo da Playstation8 ou 9. Así que máis vale que non se resetee. Insiste tamén na distopía recurrente desta época: ¿e se as máquinas coas que fomos levantando durante séculos a nosa torre de Babel se rebelasen contrá nós como nós fixemos contra Deus?

Visto con algo de perspectiva, Matrix foi a sublimación comercial que un montón de grupúsculos underground do mundo enteiro buscaba e necesitaba ó mesmo tempo que unha nova vía para o cine efectista e de acción. ¿Incoherencia? Non. Nela xúntase todo o mellor e o peor da cultura postmoderna: a angustia existencial da hiperrealide, o debate simulacro/simulación, a filosofía de consumo rápido, o milenarismo new age, o consumismo como sistema esclavizador da vontade, o videoclip comercial como medio e como fin cultural, o seguridade como pretexto de control...

Tags
que lle coloco eu, pero que calquera outro pode modificar. Aí está un dos seus grandes méritos e chaves do seu éxito: Matrix é un universo tan aberto que casi todo o mundo pode atopar o que necesita, dende sesudas cuestións filosóficas ata puro entretemento comercial.

Revisitadas Reloaded e Revolutions, decátome que fun bastante cruel no seu día. Sigo pensando que están moi por debaixo da primeira película da triloxía (especialmente os 45 minutos iniciais) pero tampouco son tan infames. Son continuacións bastante obvias, efectistas e pouco imaxinativas, pero teñen máis encanto que ningún outro derivado creado nestes anos á súa sombra. E por certo, por fin logrei entender de que demos fala o Arquitecto en Reloaded (vamos, iso creo).

De todas formas, para min o máis atractivo do universo Matrix segue sendo Animatrix, unha colección de nove curtas inspiradas na saga realizadas por directores e estudios do manga e da animación xaponesa. Pequenas obras de arte inspiradas na saga que nalgúns casos veñen incluso a completar a trama. A miña preferida é "O segundo renacemento", chea de imaxes alegóricas, que explica como a crueldade dos homes está realmente detrás da orixe do sistema Matrix.

"Al principio había seres humanos y durante un tiempo las cosas iban bien. Pero la Humanidad, o autodenominada Sociedad Civil pronto sucumbió víctima de la vanidad y la corrupción. Entonces el hombre creó a las máquinas a su imagen y semejanza.
Así, el hombre creó se convirtió en arquitecto de su propia destrucción. Pero durante un tiempo las cosas iban bien."
"Y el hombre dijo, hágase la luz. Y el hombre fue cegado por la luz, calor, magnetismo, gravedad y todas las energías del Universo."

Por certo, algúns extras do pack son realmente atractivos (só lle falta isto). 35 horas son moitas horas, así que aínda non os vin todos, pero de momento quédome cos comentarios de críticos de cine poñen a parir as películas e "As fontes de Matrix" onde científicos, filósofos e teólogos varios fan reflexións durante dúas horas que teñen máis que ver coa Postmodernidade que coa propia saga.


3 comentarios:

Gata Vagabunda dijo...

Teño que confesar que nunca fun capaz de abordar "Matrix". Nunha ocasión púxenme a ver a primeira parte e non aturei mais alá de media hora. Supoño que algún día tentarei vela con mais paciencia, e logo xa che conto. Pero se queres escribir sobre algunha das películas e así vingarte dos críticos de cine (entre os cales non me inclúo, que eu son de palleiro de toda a vida), ofrézoche espazo no meu Calexón, ¿anímaste? "Chexire, crítico invitado" ;-)

chexire dijo...

Sería un gran honor, pero ¿ti sabes o que fas?

Non sabes o pedaaaaaaaaaante que podo chegar a ser... ;)

Gata Vagabunda dijo...

Non, non, en serio, reitero a invitación, se estás disposto, faimo saber!

(Podes escribir canto gustes, ¡irá firmado co teu nome! eu non me responsabilizo de nada, jejejeje)